A incontinencia urinaria, unha patoloxía "tabú" que afecta unha de cada dúas mulleres

Malia a elevada incidencia desta doenza, a metade das mulleres descoñece a existencia de tratamentos (Foto: María Kray).
A enfermeira Marina Tilve investigou esta doenza no seu TFG a partir dunha enquisa realizada a máis de 500 mulleres. Para ela é preciso que o persoal sanitario reciba unha formación médica "con perspectiva de xénero".

A Organización Mundial da Saúde (OMS) define a incontinencia urinaria como a "perda involuntaria de urina que condiciona un problema hixiénico e/ou social, e que pode demostrarse obxectivamente". Segundo un estudo do Hospital de Valladolid de 2020, estímase que a patoloxía afecta 25% das mulleres, aumentando a entre 30 e 40% nas de mediana idade e até 50% cumpridos os 65 anos.

A incidencia é moito menor nos homes: 7% a nivel xeral, de 15 a 30% en idade avanzada e 50% entre os maiores de 85 anos e institucionalizados. Mais os estigmas que aínda arrodean esta patoloxía provocan que moitas persoas, principalmente mulleres, atrasen a busca de axuda e, polo tanto, a correspondente diagnose.

Enquisa a máis de 500 mulleres

A enfermeira do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) Marina Tilve rematou o pasado verán os seus estudos, e decidiu dedicar o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) á incontinencia urinaria feminina, ao entender que non se estaba a tratar no sistema sanitario como se debería. "Segue a considerarse un tema tabú para a sociedade, a pesar de ser un problema que afecta de cheo a vida das persoas que a padecen, tanto a nivel físico como social e psicolóxico", apunta, en conversa con Nós Diario.

O seu TFG susténtase sobre unha enquisa da que participaron máis de 500 mulleres. Delas, 68,3% apuntou que nunca recibira información relacionada con esta patoloxía.

Aliás, mentres unha de cada dúas —52,6%— asegurou saber que existe un tratamento para a incontinencia, 39,2% das mulleres descoñecíao, e 8,2% restante negou a súa existencia. Porén, oito de cada dez participantes da enquisa —79,4%— afirmaron que hai formas de previr a doenza, fronte a 1,7% que respondeu "non" e 18,9% que manifestou non sabelo.

"O tratamento depende do tipo de incontinencia que se padeza e, con base nisto, hai diferentes liñas de actuación. O punto en común de todos os tratamentos utilizados é mellorar a calidade de vida da persoa que a padece", explica Tilve, e salienta a importancia de "fomentar a prevención desta patoloxía, normalizar o tema e ofrecer a información necesaria para previla".

A través da súa ampla investigación obtivo un dato de incidencia maior que a que amosan outros estudos: unha de cada dúas mulleres —54%— asegurou padecer perdas de urina. A pesar disto, destaca que "máis da metade da poboación enquisada afirma coñecer os exercicios de solo pelviano, se ben a porcentaxe de mulleres que os levan a cabo con fins terapéuticos e preventivos é moi pequena".

Fenda de xénero na medicina

Noutra orde, Tilve salienta a "fenda de xénero" existente nas consultas médicas: "O persoal apenas está formado, xa que a medicina con perspectiva de xénero aínda non foi incorporada ás facultades e o alumnado remata os estudos sen acreditar nas diferenzas entre sexos na forma de ser, de enfermar ou nos efectos dos fármacos". Aliás, cre que cómpre ir "máis aló" das doenzas físicas para atender o "estado psicolóxico" e a "contorna social" das doentes.