21 de marzo, Día Mundial da Síndrome de Down

Por unha inclusión real das crianzas con síndrome de Down na etapa educativa

Salientan o impacto social positivo da educación inclusiva. (Foto: Nós Diario).
O lema 'Tan diferentes como iguais' volve marcar a conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down na Galiza, unha xornada que mestura celebración e reivindicación. Dos dereitos conquistados mais dos aínda pendentes de alcanzar. Entre outros, a inclusión educativa, capaz dun beneficio persoal e social.

Este domingo, 21 de marzo, conmemórase en todo o mundo o día da síndrome de Down. Unha data simbólica escollida por Nacións Unidas en referencia á trisomía do cromosoma 21 que dá lugar á condición xenética da síndrome de Down.

Cada persoa ten 23 pares de cromosomas. Mais as persoas con síndrome de Down, no par 21, en vez dous, teñen tres. Un cromosoma extra que as fai tan diferentes como iguais ao resto. Co mesmo desexo de xogar, de ir á escola, de saír coas amigas e de emanciparse. Coas mesmas ganas de facer e de aprender. Cadaquén co seu xenio, cun abano de emocións, gustos e opinións para compartir tan amplo coma o propio.

Unha sociedade que mira ao futuro non pode permitir a segregación do alumnado no ensino

Son e compórtanse coma calquera. E coma calquera precisan do seu tempo e de apoio para alcanzar determinados logros. Os seus dereitos son os de todas, mais non sempre recoñecidos nin atendidos. Por iso, unha vez máis, desde o movemento Down, na Galiza, planean un 21 de marzo "moi semellante" ao doutros anos. "Será unha xornada de celebración e de reivindicación dos dereitos aínda por conquistar", explica a Nós Diario o presidente de Down Galiza, Delmiro Prieto, quen recoñece barreiras pendentes de derrubar. "E as que non son físicas son as que máis custa abater".

Educación inclusiva

Neste sentido, sinala o ámbito educativo como un contorno de actuación prioritario. "Unha sociedade que mira ao futuro non pode permitir a segregación do alumnado no ensino. De aí a nosa teima en reclamar, dunha vez por todas, unha educación inclusiva".

Nacións Unidas elaborou en 2006 unha guía para o fomento da inclusión educativa que o Estado español asumiu como propia en 2008. Mais non se chegou a desenvolver, advirte Prieto.

Como vai ser a sociedade solidaria e respectuosa coa diferenza e a diversidade se non a coñece?

Na actualidade, a reforma promovida baixo a denominación de Lei Celaá abre un tempo novo. "Persoalmente gustaríame que fose máis ambiciosa, pero dou por bo o itinerario de transición previsto para a próxima década. Espero que a actuación nos centros públicos de educación sexa o suficientemente contundente para poder dar resposta a todas as necesidades de todas as persoas que acceden ao ensino ordinario. Entón poderemos falar do inicio dun proceso de inclusión real", onde todos os nenos e nenas con distintas capacidades sexan parte do mesmo espacio físico con todos os apoios que precisan no seu propio contorno, non nun ámbito específico. Como vai ser a sociedade solidaria e respectuosa coa diferenza e a diversidade se non a coñece?, conclúe o presidente de Down Galiza.

Escolarización ordinaria

"Cando temos un fillo ou unha filla nunca somos conscientes de canto nos van preocupar tantas cousas. Máis se ten unha discapacidade", detalla Noemí Álvarez, nai dunha nena de cinco anos con síndrome de Down. "Cando chega o momento de acceder á escola, todas as persoas reflexionan moito sobre cal é a educación mellor para os seus fillos, o sistema, o centro. Por iso é fundamental que ofrezan unha moi boa acollida. As familias que teñen un neno ou unha nena con discapacidade precisan sentirse comprendidas", aclara, e o primeiro que escoitan moitas persoas cando chegan ao centro elixido é se esa nena ou neno non estaría mellor atendido noutro sitio, aclara. 

Todos os centros teñen que acoller a todos os nenos e nenas porque todos os nenos e nenas teñen o mesmo dereito a ser escolarizados

"Esa falta de receptividade non debería darse. Todos os centros teñen que acoller a todos os nenos e nenas porque todos os nenos e nenas teñen o mesmo dereito a ser escolarizados".

No seu caso, afirma Noemí Álvarez, nunca dubidaron. "Tiñamos claro que a escolarización ordinaria era a mellor opción para a nosa nena. Ten un irmán maior e vemos como aprende de modelos positivos. Ademais, é unha nena que polo seu carácter intenta sempre superarse, facer as cousas, aprender. Deducimos que ía ser moi bo para ela". 

A maiores, tiñan a convicción de que "canto máis a coñecesen máis aceptada ía ser. Non so no ámbito educativo senón no tamén social". Por iso acordaron escolarizala no centro que lle correspondía, o mesmo ao que vai se irmán, onde comparten amigos que despois ven fóra da escola.

Os beneficios da inclusión 

Coñecer os nenos e nenas con Down ou outra diversidade, convivir con eles, aceptalos de forma natural malia a que teñan comportamentos diferentes, salienta Álvarez, permite construír unha sociedade mellor, moito máis respectuosa. "A inclusión educativa real nun centro educativo ordinario é moi positiva non só para a persoa que ten unha circunstancia diferente tamén ten un impacto social". Porque o non está presente non existe, "mais o que está presente percíbese de forma natural", incide.

A inclusión é presenza, participación e aprendizaxe

Porén esta inclusión plena, advirte, "depende moito dos recursos. A inclusión é presenza, participación e aprendizaxe. Non ten porque ser a mesma que a do resto de compañeiros pero ten que existir". E para que estean presentes, participen en igualdade de condicións que o resto e aprendan ao seu ritmo fan falta recursos humanos, materiais e económicos.

O gran reto de apoiar e aprender da inclusión 

Rosa Fidel e profesora no CEP Antonio Magariños de Cambados e unha apaixonada da educación inclusiva. "O meu sentir sempre estivo co dereito de nenos e nenas a educarse no seu contorno natural, aínda cando as crianzas con síndrome de Down permanecían nos seus cuartos sen ningunha esperanza de que puidesen aprender a ler. Era un soño que estiven nos colexios. E cumpriuse. Aí están, lendo, escribindo, contando e xogando no patio". A escola, defende, debe ser un reflexo da sociedade.

"Aí aprenden eles, aprendemos as profes e os compañeiros. A clase mellora cando acollemos e atendemos todas as diversidades, facilitando o acceso á información mais tamén a aprendizaxe a través da convivencia". Ese ha de ser o camiño, pero require cambios. "Temos que deixar de lado etiquetas e diagnósticos para falar de apoio á inclusión. Non a un alumno, senón a toda a aula en conxunto, favorecendo o seu funcionamento sen exclusión ningunha".