Inclusión, a materia pendente do ensino: "A educación especial é un disparate, non é inclusiva"

Unha educación inclusiva exixe profesorado especialista, persoal de apoio e recursos suficientes para o conxunto do alumnado. (Foto: Nós Diario)
 "Cando a Xunta achega os seus datos e di que 94% do alumnado na Galiza está na educación inclusiva minte", sentencia Delmiro Prieto, presidente da Federación Down Galiza.

Promover e facilitar a inclusión escolar do alumnado co síndrome de Down e discapacidade intelectual na escola ordinaria é un dos maiores empeños da Federación Down Galiza. É un obxectivo compartido polas familias, que ademais de presenza reclaman participación e aprendizaxe para as súas crianzas en igualdade.
Reclaman un modelo que non existe na Galiza. "Como tal, non hai educación inclusiva. Hai casos moi concretos nos que se dá unha situación de inclusión motivada polo compromiso de algunhas e algúns docentes que saben das vantaxes do emprego de metodoloxías inclusivas e aplícanas".

Pero a inclusión, advirte Delmiro Prieto, non é algo que ampare nin o sistema nin a normativa educativa actual. Para o presidente de Down Galiza, construír un modelo educativo inclusivo non esixe nada que "non estea xa inventado". En conversa con Nós Diario, Prieto sinala dous exemplos próximos: Italia e Portugal, dous territorios que erradicaron a educación especial en 1977 e 1998, respectivamente, para incluír todo o alumnado dentro do sistema ordinario.

"O alumnado cunha necesidade específica está na aula ordinaria co resto dos seus compañeiros e compañeiras e aí recibe toda atención que precisa". Nese contexto, ademais de contar coa súa titora ten acceso un docente de apoio e, quen a necesita, tamén a unha asistenta social que o acompaña nos seus desprazamentos ou no que requira.

Delmiro Prieto, presidente de Down Galiza. (Foto: Nós Diario)

Normativa discriminatoria

Na Galiza, contrapón, Delmiro Prieto, chámaselle inclusión a outra cousa moi distinta: "Se unha crianza está fisicamente dentro dun centro ordinario xa se di que é inclusión, aínda que dentro dese centro haxa aulas específicas, aínda que a crianza estea separada do resto de compañeiros e aínda que non dispoña do persoal de apoio suficiente para recibir a atención que necesita".

Desde Down Galiza negan o carácter inclusivo da educación especial. "É un disparate. Non é  inclusiva porque segrega e só dan respostas a un número concreto de estudantes cunhas necesidades específicas, separados dos resto de alumnado. E non é inclusiva porque despreza un beneficio que transcende o alumnado con necesidades específicas", din.

O uso de metodoloxías inclusivas nas aulas, como o deseño universal para a aprendizaxe, a aprendizaxe por proxectos, a aprendizaxe cooperativa ou a programación multinivel, elimina barreiras e ofrece as mesmas oportunidades de progreso ao conxunto do alumando. A educación inclusiva serve para todos, insiste Prieto, "para quen ten unha discapacidade pero tamén para quen sen ela precisa de apoio educativo, como pode ser a poboación migrante ou con altas capacidades".

 "Cando a Xunta achega os seus datos e di que 94% do alumnado na Galiza está na educación inclusiva minte", sentencia Prieto, quen exixe ao Goberno galego tomar medidas para reverter unha tendencia que aínda se observa en moitos centros de ensino, que no canto de acoller e incluír animan as familias a escoller a educación especial e segregada.

Proba desta deriva discriminatoria, di, é a súa propia normativa. O pasado mes de xullo Down Galiza denunciou ante a xustiza a Consellaría de Educación pola orde de axudas para material escolar, que marxina o alumnado que aposta pola educación inclusiva e premia coas cantidades máximas, sen condicións, a quen escolle a especial. "Isto é inclusión? Levo nove anos falando coa Xunta para que cambie isto e sempre a mesma resposta: 'xa está publicada, falamos o ano que vén'. Chegaremos onde faga falta", advirte.

Teima Down Ferrol festexa o seu 30 aniversario

O movemento Down na Galiza organiza esta cuarta feira, con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, unha xornada de sensibilización coa que busca dar visibilidade ás persoas con esta condición e outras discapacidades intelectuais. O Teatro Jofre de Ferrol acollerá os actos conmemorativos a partir das 19 horas, coincidindo co 30 aniversario da asociación Teima Down Ferrol. Persoas con síndrome de Down compartirán experiencias de vida, as súas reivindicacións e poranlle voz ao manifesto pola promoción da autonomía persoal.