Alimentación saudábel

Un novo etiquetado para loitar contra os ultraprocesados

NutriScore. Twitter

Máquinas expendedoras de refrescos e zumes cargados de azucre, almorzos baseados en bollería industrial e galletas ultraprocesadas, fritos coma prato principal… Con esta descrición non pensaríamos nun hospital e, porén, é un dos lugares onde podemos atopar este tipo de alimentos.

 

O famoso nutricionista Carlos Ríos, promotor do realfooding, deu visibilidade nas súas redes sociais a unha petición iniciada hai un ano en Change.org para retirar este tipo de alimentación dos centros sanitarios, sendo que “calquera alimento que se venda ou regale dentro dun hospital se lle outorga un aquel de saúde, é dicir, a ollos da poboación diminúe a percepción de risco porque… como van vender comida insá nun sitio onde coidan a túa saúde?”.

 

O realfooding é unha filosofía de alimentación baseada na comida real, é dicir, alimentarnos como o facían os nosos avós. No seu blog, Carlos Ríos diferencia tres categorías de alimentos. “A comida real, referida a todos aqueles alimentos minimamente procesados ou cuxo procesamento non empeorase a súa calidade. Non adoitan levar etiqueta. Os bos procesados, que son alimentos reais cun procesamento industrial beneficioso co fin de facelos máis seguros, duradeiros e agradábeis ao padal. Adoitan estar envasados e na súa etiqueta lense entre 1 e 5 ingredientes, entre os cales non se atopan azucre, fariña refinada ou aceite vexetal refinado. E por último, os ultraprocesados, preparacións industriais comestíbeis elaboradas a partir de substancias doutros alimentos ou sintéticas e cuxo consumo ten efectos negativos para a saúde”.

 

A doutora Marisa Calle, coordinadora do Programa de Alimentación e Saúde da Fundación Española do Corazón, explica a Sermos Galiza por que, a pesar de ser tan prexudiciais, é tan habitual a presenza deste tipo de alimentos nos nosos fogares: “Son moi baratos, quitan a fame de xeito inmediato e son moi fáciles de preparar. Ademais, son moi saborosos ao padal. Alguén que teña moita fame tómase unha bolsa de patacas fritidas, que evidentemente vaille saciar no momento, pero que lle está a dar unha gran cantidade de sal, graxas, colorantes, saborizantes…”.

 

"Como van vender comida insá nun sitio onde coidan a túa saúde?”

 

Aliás, esta doutora tamén ten a súa propia opinión acerca do que ocorre nos centros sanitarios: “abúsase moito da bollería e das galletas do almorzo, o que debería ser substituído por froita ou en todo caso un iogur natural. O que pasa é que, á hora de concursar, as consellarías e os hospitais tenden a darlle o posto ás empresas que teñan un custe menor, o que significa unha peor calidade dos produtos. Eu penso que se hai un clamor social para que isto mellore, probabelmente se termine elixindo antes a calidade cá un prezo menor. Ademais, é fundamental que no sistema sanitario público existan dietistas e nutricionistas que supervisen e controlen a situación.”

 

Un novo etiquetado

 

Quizais polo comezo deste clamor social, o Ministerio de Sanidade anunciaba que ía poñer en marcha para 2019 o sistema NutriScore, un etiquetado que xa se utiliza en Francia de xeito voluntario para os fabricantes dende hai un ano. Este sistema consiste nunha escala de cinco cores que van do verde, que indica unha mellor calidade nutricional, até o vermello, que sinala peor calidade. A posición nesta escala conséguese restando os aspectos positivos —porcentaxe de froitas e verduras, gramos de fibras e proteínas— aos negativos —calorías, azucres, graxas saturadas e sodio.

 

Aínda que parecía que a implantación deste sistema pretendía orientar mellor os consumidores á hora de tomaren decisións saudábeis nas súas compras, a polémica desatouse en poucos días. “A polémica”, explica a Sermos Galiza Sandra, técnica superior en Dietética, “vén por varias razóns: hai produtos como o aceite de oliva que pode aparecer en vermello segundo o baremo do NutriScore cando en realidade é totalmente recomendábel dentro dunha alimentación equilibrada en cantidades adecuadas, mais o goberno aclarou que este método non se vai usar en aceite, leite, mel ou ovos, xa que é para alimentos de máis dun ingrediente. Outra das polémicas é que se ven coma medidas insuficientes ao ser de carácter voluntario, é dicir, non vai haber ningún tipo de sancións ás empresas que non o utilicen”.

 

Ademais, un dos principais problemas que presenta este modelo de etiquetado é que non distingue que cantidade é de azucres naturalmente presentes, por exemplo en froitas ou verduras, e que cantidade é de azucres engadidos. Tampouco fai distinción entre graxas saturadas saudábeis e non saudábeis, e non ten en conta no seu algoritmo as graxas trans, é dicir, as graxas hidroxenadas e as parcialmente hidroxenadas.

 

"Se hai un clamor social para que isto mellore, probablemente se termine elixindo antes a calidade ca un prezo menor"

 

Alén dos problemas plantexados, tamén existe unha certa dificultade á hora de aplicar este sistema na nosa alimentación habitual. “Non hai que esquecer”, recorda Sandra, “que o etiquetado de NutriScore é para produtos dunha mesma categoría ou para diferentes marcas dun mesmo produto”. O problema é, segundo Manuel Moñino, membro da Academia Española de Nutrición e Dietética, que non hai un criterio uniforme para definir unha categoría. “As categorías diferenciadas no NutriScore son limitadas: bebidas, graxas e aceites, queixos e resto de alimentos. Pero, no caso dos lácteos, por exemplo, o queixo e o iogur non serían comparábeis, aínda que pertenzan ao mesmo grupo de alimentos, porque son alimentos diferentes”.

A respecto deste funcionamento, Carlos Ríos explicaba nas súas redes sociais o motivo da súa disconformidade: “A poboación non merca unha soa categoría de alimentos, senón múltiples, polo tanto, a comparación é inevitable”. Ademais, o nutricionista tamén aproveitaba para facer fincapé na relación entre a industria, á que denomina Matrix, e a sanidade difundindo o financiamento que recibe de Coca Cola a Sociedade Española de Nutrición Comunitaria, así coma outras entidades científicas nas investigacións relacionadas coa saúde e o benestar.

 

Ríos afirma que “esta medida [o NutriScore] vén para retrasar noutros dez anos como mínimo as verdadeiras medidas efectivas: etiquetar os ultraprocesados e desaconsellar o seu consumo. Gaña a industria”.

 

 

Nota: as fotos de arriba a abaixo son 1. Instagram Carlos Ríos, 2. Twitter, 3. Instagram Carlos Ríos.