Afírmao Adega

A incidencia do lume nos eucaliptais é máis do triplo que nas frondosas autóctonas

Plantación eucaliptos en Compostela para denunciar a 'eucaliptización'.

Adega responde os dados de Ence e afirma que os lumes dun ano medio afectaron 1,42% de eucaliptais; 1,24% de piñeirais e 0,40% das carballeiras e bosques de frondosas galegas.

Non é a primeira vez que Ence defende publicamente que o eucalipto non tenr elación algunha cos incendios forestais, mesmo que é “mellor alternativa para combater o abandono e os incendios forestais”. Porén, desta vez fíxoo após o debate aberto a raíz do lume en Pedrógão e a eucaliptización do país luso e a través de páxinas enteiras de publicidade nos medios. E cun titular (‘Datos, non opinións’), que supuña un desprezo para cos argumentos mantidos ens entido contrario e que vinculan esta especie cos lumes forestais.

 

Adega ven de retrucar agora a ese discurso da pasteira. ‘Datos, non manipulacións’, indica a asociación para a seguir afirmar que a incidencia do lume nos eucaliptais é máis do triplo que nas frondosas autóctonas. Unha aseveración que basean nos dados de informes e documentos oficiais do Ministerio, coma o Informe sobre a incidencia dos lumes forestais no estado no período 2001-2011 ou  o ‘IV Inventario forestal estatal (IV IFN)’.

 

A entidade afirma que os resultados de analizar e cruzar todos eses dados amosan que os lumes dun ano medio, “tomando como referencia o inventario forestal de 2009”, afectaron 1,42% de eucaliptais; 1,24% de piñeirais e 0,40% das carballeiras e bosques de frondosas galegas. “Ou sexa que o tipo de árbore que arde en maior proporción é o eucalipto, seguido do piñeiro e por último, as carballeiras e frondosas autóctonas son as menos afectadas polos lumes”.

 

Mesmo, prosegue Adega, se pode cuantificar esta incidencia dos lumes por especies e comparalas entre si: “O eucalipto arde 1,14 veces máis que o piñeiro e 3,55 veces máis que o carballo e demais frondosas; e polo que atinxe o piñeiro, os lumes aféctano cunha frecuencia 3,1 veces maior que ás frondosas autóctonas”.