A incidencia da Covid por idades en Galiza: desde os menores de 11 anos aos maiores de 80

Vacinación no centro habilitado en Vigo. (Foto: Europa Press) #vacinación #vacina #ifevi #sergas #xunta #sanidade #coronavirus #covid19 #pandemia #prazos

A incidencia acumulada a 14 días na Galiza é de 54 casos por cada 100.000 habitantes. Unha ratio que se supera nas franxas de idade máis novas, consecuencia de que aínda estean sen vacinar.

O Ministerio de Sanidade vén de publicar a incidencia da Covid-19 nos diferentes territorios do Estado segundo as franxas de idade. Unha información que permite ter unha radiografía de como o SARS-CoV-2 afecta os diferentes tramos de idade na Galiza, observando profundas diferenzas, que teñen a ver co propio proceso de vacinación: aqueles grupos que xa teñen a pauta completa da vacina contra este coronavirus rexistran baixos niveis de incidencia. E ao contrario, onde aínda non se vacinou, a incidencia da Covid é, loxicamente, maior.

Na Galiza a incidencia acumulada (IA) a 14 días é de 54 casos por cada 100.000 habitantes. Un número moi inferior á media que se rexistra no Estado español, onde está en 106. Esta dinámica reprodúcese en toda a comparativa: en todos os tramos, a incidencia é menor na Galiza que no resto do Estado.

Quen ten a incidencia acumulada máis alta na Galiza? Os que teñen entre 12 e 19 anos: 145 casos por cada cen mil mozos

Iso si, hai diferenzas entre os grupos de idade en Galiza. Así, vemos como os nenos e nenas de menos de 11 anos de idade rexistran unha IA de 58, superior á media galega, que lembremos que non chegaba a 55 casos por 100.000 habitantes.

Quen ten a incidencia acumulada máis alta na Galiza? Os que teñen entre 12 e 19 anos: 145 casos por cada cen mil mozos, case o triplo da media galega. A seguir están os de entre 20 e 29 anos, cunha IA de 122; e os de 30 a 39, con 85. DE 40 a 49 anos esa IA sitúase en 61,8

E quen fica por baixo da media de IA que se rexistra na Galiza? Pois as franxas de 50 a 59 anos (27,8), de 60 a 69 anos (19), de 70 a 79 (10,7) e maiores de 80 (11,5 casos por cada 100.000).

Unha radiografía que amosa como a vacinación é determinante: os grupos vacinados rexistran menos IA. Unha chamada tamén a manter a prevención por parte daquelas franxas que aínda non recibiron as doses.