Incerteza nas oposicións de Educación

Oposicións realizadas pola Xunta da Galiza. (Foto: Xunta da Galiza)
A Consellaría de Educación segue sen informar de como ten previsto realizar as probas para acceder ao emprego público. A Lei de Redución da Temporalidade e as propostas do Ministerio sinalan un cambio que facilitaría o acceso do profesorado interino.  A CIG-Ensino sinala o problema do escaso número ofertado. 

Milleiros de opositoras e opositores ás prazas de Educación previstas pola Xunta da Galiza continúan nun estado de incerteza ao non contar, até hoxe, coa información precisa de como se formularán.

O borrador do real decreto do Ministerio de Educación debatido o pasado 21 de decembro coas comunidades autónomas para reducir a temporalidade no emprego estabelece un modelo transitorio que prevé favorecer ás e aos docentes con máis anos de antigüidade. Ese modelo debería aplicarse nos procedementos selectivo dos vindeiros anos. 

Educación xa aprobou a convocatoria do 2021 -que se realizará o próximo ano- e anunciou a do 2022, que se sumará á anterior: unhas 2.900 prazas que tiñan  que seguir o modelo actual de concurso oposición. Diante este panorama a Consellaría deixou para o mes de xaneiro de 2022, meses antes de que teñan lugar as oposicións, unha reunión cos sindicatos para aclarar esta situación.

Mentres, as redes sociais fervían estes días entre persoas partidarias de manter o sistema vello e aquelas que consideran que se debería ter en conta a experiencia docente para optar a unha praza pública no ensino.

A solución: máis prazas

Desde a CIG-Ensino piden que a convocatoria se limite ao aprobado no Senado, con tres procesos diferentes. O seu secretario xeral, Suso Bermello, explica a Nós Diario que teñen "serias dúbidas" da legalidade do que propón o Ministerio e segue a abrir "un panorama de incerteza".

No caso galego, Bermello lembra que hai unha oferta pública de emprego (OPE) da Consellaría anunciada e o prazo para que se publique é de "un par de meses como mínimo" e nese período de tempo "podería publicalas co sistema vello".

Para a central nacionalista é moi importante que "o concurso excepcional que se ten que facer para dar resposta ás prazas temporais ocupadas con abuso debería ser amplo".

Bermello é partidario de que se deberían ofertar "o máximo número de prazas" co cal "unha parte do problema estaría resolto ao dar resposta ás reclamacións das persoas interinas e ás das que nunca traballaron no ensino público", conclúe.