Incerteza ante a extinción do corpo de profesorado técnico de FP

A Consellaría de Educación propón comezar as aulas o 10 de setembro (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)

CIG pide aclaracións no Pleno do Consello Xeral da Formación Profesional  ante as incertezas que deixa a redacción da nova lei de educación  ao respecto do profesorado sen titulación universitaria e do colectivo de interinas e substitutas. 

A CIG-Ensino pediu aos responsábeis ministeriais que participaron no XX Pleno do Consello Xeral da Formación Profesional que aclarasen as súas intencións sobre a integración do profesorado técnico de FP no corpo A1 que,” tal e como se desprende do articulado do Proxecto da LOMLOE actualmente en trámite no Senado, leva aparellada a extinción do corpo de PTFP”.

Como sindicato maioritario na Galiza, a CIG-Ensino reprochou aos cargos do Ministerio que introduciran estas modificacións “sen antes negocialas coas organizacións sindicais, cando se trata de cambios substanciais no status e nas condicións de traballo de algo máis de 4.500 docentes en toda Galiza e decenas de miles en todo o Estado”. 

Neste sentido, amosou a súa preocupación polo colectivo de profesorado técnico tanto funcionario de carreira como interino que non ten a titulación de grao ou equivalente a efectos de acceso á función pública e para o que se prevé, no primeiro caso, que quede a extinguir e, no segundo, que poida ser contratado de forma excepcional como profesorado especialista. “Ambas as dúas posibilidades minguan os dereitos que ten nestes momentos adquirido este persoal docente”, afirma o sindicato.

O elemento máis preocupante do que se desprende do Proxecto de Lei para a CIG, “e que deixa nunha situación máis vulnerábel ao colectivo interino e substituto”, é coñecer que ocorre “con quen aínda non é funcionariado de carreira e ten só titulación superior de FP, dado que se introduce unha figura até o de agora residual na contratación pública docente en Galiza que é a do profesorado especialista”.

A central informa do seu rexeitamento a modificar o réxime de contratación administrativa (funcionariado interino) polo contrato laboral no ensino público porque, “na práctica, implica unha perda de dereitos e de estabilidade que podería deixar a miles de docentes sen traballo ou sen a posibilidade de acceder ao ensino público con carácter fixo”.

A CIG-Ensino tamén enviou un escrito tanto á ministra de Educación como aos grupos parlamentarios do Senado para que no debate que se vai producir arredor da LOMLOE se inclúa unha “solución integral para todo o profesorado técnico de FP e que o equipare en dereitos co de secundaria, sen deixar ninguén fóra”.

Pide tamén que o que se aplique finalmente para este colectivo sexa tamén válido para as mestras que imparten no 1º Ciclo da ESO (no camiño para poder ter un corpo único que incorpore a todo o corpo de mestres) e para as mestras de taller de Artes Plásticas e Deseño.