Incerteza e críticas a Trump na comunidade venezolana na Galiza

Escultura a Simón Bolívar en Vigo, este 5 de xaneiro. (Foto: Lourido)
"Hai moito medo porque non se sabe o que vai pasar. Todo o mundo vive coa dúbida sobre o que fará Trump: se vai entrar, se vai utilizar os recursos de Venezuela e marchar despois, ou se pretende quedar para sempre". Así resume María Andreína o sentimento da comunidade venezolana na Galiza. 

T res días despois de que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, cualificara en conferencia oficial como "operación espectacular" a intervención militar en Venezuela, tras o secuestro do seu presidente, Nicolás Maduro, e o bombardeo sobre o país, que deixou varias decenas de mortes, a incerteza domina na comunidade venezolana na Galiza. Neste contexto, e baixo o marco dos 22.700 venezolanos e venezolanas que viven no país, os testemuños desta poboación na Galiza están de actualidade.

Para Farruco Sesto -ex ministro de Cultura de Venezuela e residente en Vigo- e Ana Mosquera -presidenta da Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez (Agabo), avogada nada en Venezuela e residente tamén e Vigo- está clara a existencia dunha violación absoluta do dereito internacional. Así, Sesto entende que "alén de que algunhas persoas poidan ter reparos co Goberno bolivariano ou co seu proxecto político, isto é algo inconcibíbel e supón unha ruptura coa legalidade internacional". Unha afirmación coa que concorda Mosquera, quen chega a falar dunha tendencia cara á "putrefacción do mundo xurídico, desde os tratados da ONU até os dereitos máis fundamentais".

Sobre os obxectivos de Trump, e co petróleo venezolano no centro da mesa, tanto o ex ministro de Cultura como a presidenta de Agabo apuntan á posibilidade de facer segundas lecturas. "Trump dixo hai un par de meses que quería o petróleo e volveuno dicir hai uns días. El quere o petróleo, todo o demais dálle igual", afirma Mosquera. Porén, considera que as actuacións do mandatario norteamericano buscan tamén amedrentar o pobo venezolano, mais sen chegar a unha guerra directa, que segundo sostén, sería moi dura para Venezuela, mais tamén para os Estados Unidos.

En palabras de Sesto, esta intervención contén aínda "outra mensaxe": a idea de que, para os Estados Unidos, América é un único continente e que todo lle pertence. Sesto defende así a necesidade de manter "a vocación diplomática, a amizade entre os pobos e a resistencia". Malia as ameazas de novas intervencións por parte de Trump, o ex ministro considera que "o discurso debe ser o de sempre: paz e diálogo". Chegando a afirmar que "non temos maneira de declararlle a guerra aos Estados Unidos, que son a maior potencia militar e unha das máis violentas, cunha economía que vive da guerra e que interveu ao longo da súa historia en máis de setenta países". Aínda así, asegura, "estamos afeitos a resistir".

Sobre a situación actual en Venezuela, Farruco Sesto e Ana Mosquera coinciden na importancia de que onte se xuramentara a nova Asemblea Nacional, que a vicepresidenta estea a exercer as súas funcións e, nas palabras de Sesto, de que "todas as institucións estean funcionando". Pola súa banda, Mosquera considera que "moi probabelmente" a intención do presidente estadounidense sexa "vender a caída de Maduro como unha vitoria". Pois, como sostén, "para todo o espectáculo que montou necesita unha vitoria".

María Andreina Sánchez Naranjo, que chegou á Galiza hai oito anos, considera que o que hoxe predomina no país latinoamericano é a incerteza. Segundo lle transmiten familiares que aínda permanecen alí, "segue habendo moito medo porque non se sabe que vai pasar. Todo o mundo vive coa dúbida de que fará Trump: se vai entrar, se vai utilizar os recursos de Venezuela e marchar despois, ou se pretende quedar para sempre. Creo que a xente está á expectativa e ninguén sabe realmente que pode acontecer". Unha situación que, explica, vese agravada pola falta de información no país.

Aínda que asegura que "Trump non é do meu agrado, nin do agrado de ninguén", recoñece que se alegrou da saída de Maduro do poder e considera que "había moita xente que estaba esperando por isto". No que respecta á situación socioeconómica de Venezuela, a súa postura é contundente. "Cos recursos inmensos que ten o país poderiamos ser unha potencia e non o somos; existen enormes diferenzas de clase", sostén María Andreína Sánchez Naranjo.

Nesta mesma liña pronúnciase Ingrid Ascanio Morales, outra venezolana emigrada na Galiza, que tamén coincide en sinalar a incerteza que se vive no país, aínda que considera que "algo se avanzou".

Con todo, Ingrid subliña que "a persoa que o fixo non é a máis indicada e isto non é o ideal". A pesar diso, lembra que o pobo venezolano "levantouse moitas veces en protestas, folgas e camiñadas e nunca se logrou nada". Así e todo, malia considerar que "a forma na que se fixo crea un precedente que non é o idóneo", móstrase contundente: "Levamos moito tempo agardando outras vías: que se a OTAN, que se a Unión Europea... e ninguén fixo nada", lamenta.

De calquera forma Ingrid Ascanio Morales mantense e, asegura, conta coa "esperanza de que se produza unha transición coa que o poder quede en mans dalgunha persoa que consiga levar mellor ao país".

Ilegalidade: Unha "agresión directa" contra o dereito internacional

Ana Mosquera destaca a importancia de incidir no contido do manifesto da manifestación convocada o pasado sábado en Vigo. "Hai que subliñar que isto constitúe unha agresión directa contra un presidente dun Estado e que, ademais, supón unha inxerencia na súa soberanía", asegura. Ao mesmo tempo, fai fincapé na idea de que "as cousas sábense como comezan, mais nunca como rematan", sinalando a gravidade e a incerteza das consecuencias deste tipo de acontecementos.

Pola súa parte, Farruco Sesto centra a súa atención no consenso internacional e na relevancia do apoio global: "Hai un respaldo case unánime de numerosos países que condenan esta agresión, porque estamos ante un suceso insólito na política internacional". Engade, sen rodeos, que o acontecido constitúe un feito moi serio, xa que "secuestraron a un presidente e á súa esposa, quen é unha figura protexida pola legalidade internacional, polo que estamos a falar dunha vulneración flagrante dos dereitos e protocolos que protexen aos máximos representantes dun Estado".

Ambos coinciden na necesidade de destacar a dimensión legal e política do sucedido, así como a relevancia de manter unha resposta firme.