Delcy Rodríguez toma posesión como presidenta encargada da República Bolivariana de Venezuela
Normalidade dentro da estrañeza en Venezuela. A agresión dos EUA e o secuestro do presidente Nicolás Maduro e a súa muller Cilia Flores impactaron con forza sobre a sociedade venezolana. Con todo, o Goberno segue, e esta segunda feira Delcy Rodríguez tomou posesión como presidenta encargada.
Delcy Rodríguez, até agora vicepresidenta do Goberno de Venezuela, tomou posesión esta segunda feira como presidenta encargada do país logo da ausencia forzosa de Nicolás Maduro, quen foi secuestrado nunha operación militar dos Estados Unidos en territorio venezolano.
Ademais, o irmán da presidenta encargada, Jorge Rodríguez, renovou o cargo como presidente da Asemblea Nacional de Venezuela, que foi esta segunda feira renovada de cara ao período 2026-2031.
"Xuro pola miña honra que non vou dar descanso ao meu brazo nin repouso á miña alma para ver Venezuela no destino que lle corresponde, no pedestal de honra histórica que lle corresponde, como unha nación libre, soberana e independente", aseverou a agora mandataria encargada nun discurso para aceptar a investidura e no que tamén lembrou a agresión dos Estados Unidos contra Venezuela e o secuestro de Nicolás Maduro e Cilia Flores por parte do Goberno estadounidense liderado por Donald Trump.
Rexeitamento a Machado
"Presidente Donald Trump, os nosos pobos e a nosa rexión merecen a paz e o diálogo, non a guerra", dixera Delcy Rodríguez un día antes, cando predidiu o Consello de Ministros e Ministras. Neste contexto, o estadounidense volveu reiterar que "queremos acceso a todo o que pidamos, acceso ao petróleo e a outras cousas que fan falta para reconstruír o país".
Unha retórica que parece aceptar a líder opositora venezolana María Corina Machado, quen afirmou esta segunda feira que o secuestro de Maduro é "un paso enorme que marca a inabitabilidade e inminencia da transición" en Venezuela. Con todo, o secretario de Estado dos EUA, Marco Rubio, insistiu esta segunda feira en que aprecia Machado mais, "desafortunadamente", a oposición "está fóra de Venezuela" e hai que actuar "a curto prazo", unhas palabras que reafirman a aposta de Donald Trump por non contar coa opositora, da que afirmou o sábado que "non conta co apoio nin o respecto dentro do país".
Precisamente esta segunda feira, o xornal La Vanguardia tivo acceso a unha enquisa realizada por Datanálisis que certifica a perda de popularidade da opositora. A sondaxe aprecia que "o apoio a Corina Machado caeu case 40 puntos até o 34% desde a súa irrupción espectacular –pese a que o candidato foi Edmundo González Urrutia– na campaña electoral de 2024".
A intervención contravén o Dereito Internacional
A respecto do secuestro de Maduro, a ONU avisou esta segunda feira de que a intervención militar de Estados Unidos en Venezuela para secuestrar o presidente venezolano contravén o Dereito Internacional e non respecta os principios da Carta de Nacións Unidas. "Veño subliñando de forma constante a imperiosa necesidade de que todos respecten plenamente o Dereito Internacional, incluída a Carta das Nacións Unidas, que constitúe a base para o mantemento da paz e a seguridade internacionais", indicou o secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, nunha declaración con motivo da sesión de urxencia do Consello de Seguridade realizada ao respecto.
Nunha sesión na que países como a China e Rusia condenaron a "agresión armada" e exixiron a liberación de Maduro, e na que a maioría rexeitou o uso da forza e pediu respecto á Carta das Nacións Unidas, o representante dos EUA ante a ONU, Michael Waltz, defendeu a intervención militar como unha "operación policial" para facer cumprir a lei polas acusacións por narcotráfico que pesan sobre Maduro "desde hai décadas". Deste modo o afirmou a pesar de non ser Venezuela un dos principais lugares de tránsito de drogas e de non haber no país caribeño produción de narcóticos como a cocaína ou o fentanilo.
Máis ameazas en América
Con todo, as advertencias sobre a ilegalidade dos seus actos pouco pareceron importar a Trump, quen volveu ameazar varios países, especialmente no continente americano. Así, o presidente dos EUA afirmou que lle "soa ben" a idea de levar a cabo en Colombia unha operación similar á feita en Venezuela. Pola súa parte, o presidente de Colombia, Gustavo Petro, condenou estas "ameazas ilexítimas" de Trump. "Aínda que non fun militar sei da guerra e a clandestinidade. Xurei non tocar unha arma máis desde o pacto de paz de 1989, mais pola patria tomarei de novo as armas que non quero", reaccionou o colombiano.
Con respecto a unha reedición da incursión en Cuba, Trump asegurou que o país "está a piques de caer", xa que "obtiñan todos os seus ingresos de Venezuela, do petróleo venezolano". Ao respecto, o presidente de Cuba, Miguel Díaz Canel, xa advertira previamente que "a nosa zona de paz está sendo brutalmente asaltada", en referencia á estratexia colonialista dos EUA para controlar o continente.
Por outra parte, Trump instou México a "pórse as pilas" con respecto ás súas operacións contra o narcotráfico. "Imos ter que facer algo. Encantaríanos que o fixese México. Son capaces de facelo. Mais, por desgraza, os cárteles son moi fortes", sinalou. Ante as insinuacións de imposicións por parte dos EUA, respondeu a presidenta de México, Claudia Sheinbaum. "En México manda o pobo. Somos un país libre, independente e soberano. Cooperación si; subordinación e intervención non. Que é esta idea, a quen van bombardear ou que? Ademais, o que implicaría. A soberanía deféndese", dixo. "América non pertence a unha potencia nin a unha doutrina", incidiu a mandataria mexicana.