Incerteza crecente do profesorado perante o curso 2020-21

A Consellaría de Educación propón comezar as aulas o 10 de setembro (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)

CIG-Ensino consultou centros de ensino para coñecer a participación presencial do alumnado de Bacharelato e FP no ‘retorno’ ás aulas, a cuestión sanitaria nas instalacións ou a propia organización laboral.

O sindicato CIG realizou un cuestionario entre os centros de ensino de Bacharelato e FP para coñecer a situación dos mesmos de cara ao vindeiro curso, 2020-21, marcado pola excepcionalidade da pandemia do coronavirus.

Segundo informa esta central, maioritaria no ensino público, o curso rematou en 2º de Bacharelato cunha escasa presenza de alumnado: “partindo das respostas a un cuestionario on line e telefónico, evidencia unha caída do 50% da presenza do alumnado de segundo de bacharelato en menos de dúas semanas ( pasouse do 35%  ao 17%) ao tempo que a presenza do alumando de ciclos de FP foi sempre moi minoritaria (non superou o 5%)”.

Polo tanto, considera a CIG, o protocolo establecido tanto no ámbito sanitario como no organizativo ou laboral, “non pode considerarse testado de cara ao inicio do vindeiro curso escolar, pois non se puideron detectar todas as posíbeis casuísticas nos centros”.

No comunicado, a central aponta que a maioría dos centros dos centros que contestaron ao cuestionario aludiron a diferentes problemáticas no ámbito da prevención sanitaria, sendo a ausencia de EPIS ou a propia prevención de riscos as cuestións mais destacadas. Naqueles que non presentan problemas nestes temas, indica, iso débese á implicación e esforzo de directivas e profesorado.

“Destacan casos de centros que cederon o material de que dispuñan a centros sanitarios que carecían del e que neste final de curso tiveron que facer fronte á reposición co seu propio orzamento de todo ese material e adquirir outro adicional para a protección do persoal e alumnado, sen recibir ningunha compensación”.

O sindicato destaca a preocupación que afirma lle trasladan moitos centros, “logo desta breve e limitada experiencia polo que poida acontecer no curso 2020/21, xa que cumprimento dos protocolos foi efectivo porque era unha porcentaxe mínima de alumnado o que acudía ao centro, o que dispara as alarmas para cando a incorporación sexa masiva se non existe unha correcta planificación, de momento inexistente”.

A resposta maioritaria no relativo ao ámbito laboral é sobre incidencias de diferente índole, entre as que destacan, as relativas a ausencia de profesorado con dispensas (por concilia ou por saúde) e que supuxo a reorganización e sobre carga de horarios ou a impartición de materias afíns ou por parte doutros compañeiros do departamento, así como a non cobertura de prazas con profesorado substituto.

As incidencias que trasladan os centros no relativo a organización educativa céntranse nas limitacións técnicas e con problemas derivados das conexións a internet, ben por problemas coas redes, ben cos equipos informáticos para atender   reunións de avaliación ou mesmo a alumando que non participaba presencialmente. Neste sentido as limitacións dos propios servidores da Consellaría chama a atención.

“En todo caso, as preocupacións que traslada o profesorado, máis alá dalgúns problemas de xestión de horarios que mesmo puido retraer a presenza dalgún alumando ou da imposibilidade, como era previsto, de poder dar clase en streaming desde os centros, céntrase no curso próximo, agora xa coa referencia de como foi esta limitada incorporación e a mala planificación da Consellaría”.