Un incendio en Ortigueira activo desde a noite de onte queimou xa 70 hectáreas

Imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)
Para o seu control foron mobilizados catro axentes, sete brigadas, catro motobombas e unha pa.

A superficie queimada por un incendio forestal que afecta desde a noite desta segunda feira ao termo municipal de Ortigueira (comarca de Ortegal) ascende a unhas 70 hectáreas.

Así o informou a Consellería do Medio Rural en relación a este incendio que comezou ás 22:56 horas de onte na a parroquia de Devesos. Para o seu control foron mobilizados catro axentes, sete brigadas, catro motobombas e unha pa.

A semana pasada Galiza rexistrou os primeiros incendios da primavera, que calcinaron por volta de 500 hectáreas. 

Desde o ano 1968 e até 2017 ardeu unha superficie equivalente a 55% do país, isto é, 1,6 millóns de hectáreas das 2,9 millóns que conforman o territorio galego

Galiza é o territorio europeo con maior densidade de incendios e máis hectáreas arrasadas na última década. Esta é unha das conclusións dun estudo internacional que se deu a coñecer en 2020 e no que colaborou a profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Mosquera.

A estatística que elabora cada ano o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente reflicte a traxedia que para Galiza veñen supoñendo os lumes no último medio século. Así, desde o ano 1968 e até 2017 ardeu unha superficie equivalente a 55% do país, isto é, 1,6 millóns de hectáreas das 2,9 millóns que conforman o territorio galego. As cifras son estarrecedoras.