Os incendios que permanecen activos na Galiza arrasaron xa 265 hectáreas

Os equipos de extinción da Xunta da Galiza loitando contra o fogo na Serra do Xurés. (Foto: Europa Press)
As lapas cébanse cos concellos de Melón, Cenlle e Oímbra.

Os tres incendios que permanecen aínda sen controlar na Galiza queimaron xa 265 hectáreas en conxunto. Os lumes afectan os concellos de Oímbra (140 hectáreas), Melón (75 hectáreas) e Cenlle (50 hectáreas).

Nos tres casos a superficie arrasada viuse ampliada ao longo desta mañá. A pesar de que a Xunta dá por estabilizado, pero non controlado, o incendio de Oímbra, na parroquia de Bousés, as hectáreas calcinadas duplicáronse en poucas horas, pois pasaron de 70 a 140 hectáreas entre os informes da Consellaría de Medio Rural das 8 e das 13,30 horas desta terza feira. Este incendio entrou desde Portugal.

Pola súa parte, o incendio no concello de Melón, que está a afectar especialmente a parroquia de Quins, non deixa de crecer. Tras iniciarse na noite da segunda feira, arrasou xa unhas 70 hectáreas, segundo a última estimación provisional. Esta cifra supón 50 hectáreas máis que á primeira hora deste hoxe.

"Que clase de incendio aparece ás 22.30 horas e perto dun pobo sen ser malintencionado?", preguntábase o rexedor de Melón, Emilio Díaz, en declaracións a Europa Press. O alcalde quixo resaltar que, polo de agora, "practicamente non hai" perigo para ningunha aldea, xa que a máis próxima é a de Vilaverde, separada das chamas “por unha autovía”.

No caso de Melón, é o terceiro incendio que se declara no que vai de verán. O rexedor explicou que se actuou tarde nos labores de control do lume “porque cando empezou arder en Melón tanto a nosa brigada como o noso camión atopábase colaborando na extinción do incendio de Cenlle. Non é fácil explicarlle aos veciños que non podemos mandar o camión porque xa está noutro incendio", recoñeceu Díaz.

Reactivación en Cenlle

No incendio de Cenlle, que afecta a parroquia da Pena, o lume calcinou xa 50 hectáreas, unhas 10 hectáreas máis que unhas horas antes. A pesar de que o último informe da Consellaría de Medio Rural apunta que "evoluciona favorabelmente cara á súa estabilización", segue activo e sen control. O alcalde de Cenlle, José Manuel Rodríguez, explicou que así era até o mediodía, pero que o vento cambiou de dirección e "reactivou dúas dos focos".

"Á primeira hora da mañá estaba máis ou menos controlado. De feito quedaba un pequeno foco que, desde o descoñecemento, simplemente véndoo, parecía que se ía a extinguir, pero agora a situación é outra. A ver como progresa ao longo do día, de momento estamos tranquilos porque, aínda que se produciu no pobo de Cuñas, as casas están aínda afastadas", concluíu.