Os incendios provocan que a calidade do aire sexa pésima ou moi mala en varias comarcas galegas
Os incendios forestais que adquiriron nas últimas horas unha dimensión até o de agora descoñecida na Galiza -na pasada xornada o lume de Chandrexa de Queixa (que xa sumara os de Requeixo e Parafita) uniuse co de Vilariño de Conso e alcanzou as 16.000 hectáreas arrasadas- provocan un importante empeoramento da calidade do aire.
Na provincia de Ourense, a calidade do aire está entre mala e pésima, segundo os medidores de Meteogalicia. A situación máis dura a nivel de mala calidade de aire rexístrase en Laza (comarca de Verín), mais tamén no sur de Lugo ou o este de Pontevedra as medicións son preocupantes.
Non en balde, con maior intensidade na pasada xornada, os efectos dos lumes, como o fume e a cinza, deixáronse ver con forza en zonas a bastante distancia dos focos dos incendios
Meteogaliza ratifica que se espera a intrusión de masas de aire africano, polo que os niveis de partículas (PM) poderían verse incrementados.
Tamén apunta que os incendios activos na Galiza afectan á calidade do aire incrementando en gran medida os niveis de partículas PM10 e PM2,5.
Ante esta situación, chámase á cidadanía para seguir as recomendacións dos servizos de emerxencias e extinción de incendios, que nalgúns casos pediron aos veciños confinarse nas súas vivendas, dado que, ademais do risco das chamas, a conxuntura podería ter efectos para a súa saúde.