Case 70 persoas seguen confinadas este sábado após outra noite de loita contra o lume

Veciñanza combatendo o lume esta semana na Mezquita. (Foto: Concello da Mezquita)

Un total de 68 persoas permanecen confinadas este sábado de forma preventiva entre diferentes núcleos da provincia de Ourense, que viviu outra noite de loita contra os incendios, segundo a información actualizada do servizo de emerxencias do 112 Galiza.

O servizo de emerxencias tamén trasladou que non houbo máis evacuacións desde esta sexta feira.

Na pasada xornada varios núcleos foron confinados ao longo da tarde, aínda que todos de forma preventiva despois de ser emitido por Es-Alert unha mensaxe que apelaba á cidadanía a non achegarse á zona dos lumes e a evitar desprazamentos.

Así, ao confinamento da Madanela (Monterrei), o 112 informaba de que se sumaba o núcleo de Carballal (Petín) e o de Roblido (A Rúa).

Ademais, tamén de maneira preventiva, levaba a cabo a evacuación dunha residencia na Rúa, con máis dun centenar de residentes, e o confinamento da de Chandrexa de Queixa, cuxos residentes xa foron desaloxados esta semana, aínda que puideran volver ao seu centro.