Os incendios non dan tregua e cébanse agora no sur de Ourense con miles de Has queimadas

[Imaxe: @BrifLaza]

Hai activos cinco lumes que xa calcinaron máis de 3.300 hectáreas.

Os incendios continúan a asolar Galiza nestes días de inicio de setembro, cebándose especialmente na parte sur da provincia de Ourense. Cinco son os lumes activos, dous deles especialmente graves, con centos de hectáreas calcinadas e dificultades para controlalos: o de Oímbra e Muíños. En Oímbra decretouse o Nivel 2 por risco para as persoas e evacuouse unha aldea cercada polas lapas. Neste incendio van calcinadas máis de 1.500 hectáreas.

Tamén se decretou o Nivel 2 en Muíños (xa desactivado) pois o lume ameazaba varias casas. O incendio asola o parque natural do Xurés, un entorno de gran riqueza ambiental. Arderon máis de 800 hectáreas e a propia Xunta recoñecía que a situación é crítica.

Mais estes non son os únicos incendios que afectan a Ourense, segundo a Consellaría de Medio Rural que, cómpre lembralo, só informa daqueles que superan as 20 hectáreas: Lobeira, Lobios e Borobás completan o mapa dos lumes que estaban activos a comezos desta cuarta feira en Ourense. No de Lobeira xa se superaron as 50 hectáreas queimadas e no de Borobás as 500. O que si está controlado é o incendio que afectou á parroquia de Requeixo, en Chantada, e que arrasou máis de 104 hectáreas. 

Galiza padeceu nestes 5 anos 18.000 lumes forestais que queimaron 92.000 hectáreas de monte. Só no 2015 houbo no noso país 2.882 lumes forestais mais só 740 mereceron a categoría de 'incendios' para a Consellaría. Entre uns e outros supuxeron 11.800 hectáreas de superficie queimada, das cales perto de 4.900 eran de superficie arborada.