Os incendios non dan tregua: Galiza amence esta quinta con 3 lumes activos e 140 hectáreas calcinadas

Imaxe de arquivo: Brif Laza

Esta quinta feira, día 20, amenceu con lumes activos en Negreira, Boiro e As Pontes.

Os lumes non dan respiro en Galiza nestas semanas. O inverno e primavera secos están a pasar factura. Esta quinta feira amenceu no noso país con tres incendios activos que sumaban por volta de 140 hectáreas afectadas. O máis grande, en Negreira, que calcinou 70 hectáreas; en Boiro son 50 as afectadas e nas Pontes unhas 20, segundo un primeiro balanzo provisional.

Esta superficie afectada vén a se sumar ás máis de 600 hectáreas queimadas en Galiza durante a semana santa. A propia Xunta declarou período de alto risco de incendios forestais mais, como denunciaron nestes días desde a CIG, “non se activa ao persoal propio da administración destinado a este período”. Embora catalogar a administración galega a situación como alto risco, os traballadores de reforzo para as tempadas de alto risco, pertencentes ao persoal propio do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Consellería do Medio Rural, "continúan sen seren contratados".

A Asociación de traballadores de incendios forestais de Galiza (Atrifoga), lembraba o pasado mes de febreiro que entre decembro e xaneiro houbo no noso país perto de 180 lumes forestais, dous terzas partes dos cales decorreron en Ourense. Certo é que se deu unha coxuntura especial: altas temperaturas, ausencia de chuvias, sequedade da biomasa vexetal e do chan... Porén, non é algo exclusivo deste inverno. Así, lembran en 2015 houbo tamén importantes lumes forestais no país. En moitos casos nas mesmas zonas onde tiveron lugar os de 2016.