Contra os incendios, máis corta lumes e menos eucaliptos

O Concello de Pontevedra aposta pola prevención a hora de loitar contra os futuros lumes que poidan darse na comarca. Tralo vivido nas últimas xornadas de incendios, o Goberno local quere revivir un antigo plan forestal coñecido coma Monte Vivo, e que fora activado despois dos incendios do 2006 para repoboar os montes e terras queimadas. O programa, aínda co mesmo nome, é substancialmente distinto, apostando pola creación de máis corta lumes e de menos eucaliptos.

 

Monte Vivo supón unha nova maneira de loitar contra os incendios na comarca pontevedresa, e para elo conxugará o traballo do Concello, o da Mancomunidade de Montes de Pontevedra e o da Universidade de Vigo. A mesa de traballo creada explicitamente para este proxecto tomará as decisións que afecten a reordenación do monte, por iso considerase esencial a colaboración dos expertos da facultade de Forestais. Compre lembrar que a día de hoxe, o eucalipto ocupa o 37 % das máis de 2.230 hectáreas de masa arbórea que ten Pontevedra.

 

Coas cartas sobre a mesa, O Goberno local recoñece que o lume non sempre se pode parar ou conter, pero tampouco se lle pode dar vía libre cunhas especies arbóreas de alta combustión coma son os pinos e os eucaliptos. Ambas opcións teñen un crecemento rápido, pero a longo prazo estase vendo que non son a mellor maneira de repoboación para o solo queimado. Así, a idea é que os técnicos forestais planifiquen as áreas nas que se deba proceder a plantación de especies vexetais con maior defensa fronte aos incendios e poidan, por si mesmas, actuar como columnas de protección fronte as lapas, e freen o avance do lume.

 

Aínda sen un presuposto fixo, o Concello asegura que destinará cara este plan “os cartos que sexan necesarios”, e espera que se comece coas actuacións ao longo do 2018. Principalmente serán de dous tipos: a xestión de biomasa (eliminación de malezas, traballos de mantemento...) e a xa comentada plantación de masas forestais resistentes ao lume.

 

O Concello será o encargado de por o cen por cen dos cartos destinados a este plan anti incendios, e lembra que pese a que as intervencións poden ser consideradas como competencias municipais, sinala ao resto de administracións autonómicas como tamén axentes activos, e anima a que se impliquen na loita contra este tipo de desastres naturais con axudas económicas.

 

O plan aínda non pode especificar que zonas serán as primeiras en seren tratadas, pero esperase que a mesa de traballo creada para o proxecto Monte Vivo comece a identificación de parcelas forestais que merezan unha actuación ao longo do próximo mes. Unha vez se coñeza a magnitude das intervencións, poderase indicar un presuposto. A principal problemática do plan local, e que a proposta tamén pode afectar aos propietarios privados. Dende o Concello pídese vontade na participación, para que os donos axuden nas tarefas de limpeza, acondicionamento e construción. ¿Cando se limpará e cando se plantarán árbores? Dependerá das parcelas e do seu estado.

 

Dado isto, será a Mancomunidade de Montes de Pontevedra a que posúa un protagonismo especial, e axude a localizar aos donos dos solares de titularidade privada que necesiten de tarefas de mantemento. Son un total de doce entidades as que forman parte dela: Castro Lampán, Salcedo, Lérez, Lourizán, Verducido, Mourente, Ponte Sampaio, O Salgueiral, Camapañó, Santa María e San Andrés de Xeve, Tomeza e Marcón. A participación veciñal, terá un grande impacto á hora de perfilar o éxito de Monte Vivo.

 

Por outra banda, o Concello tamén anunciou que toda esa biomasa obtida da creación das franxas creadas para frear ao lume será aproveitada para a creación de compost. A xestión da materia orgánica na cidade e nas zonas rurais, está sendo un dos principais do Goberno local, como xa demostrou co plan de compostaxe implementando nos barrios de Monte Porreiro e de Campolongo.