Estabilizado o incendio de Carballeda de Valdeorras mentres segue a arder o parque natural do Invernadoiro

Incendio no Barco de Valdeorras. (Foto: Europa Press)
Os incendios de Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón continúan activos, mais non se produciron avances significativos das chamas nas últimas datas.

O incendio orixinado hai máis dunha semana en Pradoalbar, no municipio de Vilariño de Conso, arrasou até o momento 6.500 hectáreas e aínda continúa activo.

Boa parte da superficie afectada por este fogo áchase no interior do parque natural do Invernadoiro, un rico espazo natural do que tería ardido xa máis da metade da súa extensión, segundo as primeiras estimacións.

Tamén activos, malia que sen avances significativos das chamas nas últimas xornadas, seguen os focos de Seceda, en Folgoso do Courel, que calcinou unhas 1.100 hectáreas, e máis Vilamor (Folgoso) e Saa (A Pobra do Brollón), cunhas 10.000 hectáreas afectadas.

Por outra parte, contra as 20.30 horas deste domingo as brigadas forestais deron por estabilizado o fogo de Riodolas (Carballeda de Valdeorras), que queimou perto de 10.500 hectáreas.

Nesta última xornada extinguíronse por completo, aliás, os incendios de San Cibrao, en Oímbra (370 hectáreas); O Castro de Amarante, en Antas de Ulla (54,1 hectáreas); Ramil, en Palas de Rei (375), e Cereixedo, en Cervantes (65).

E xa foron controlados os fogos de Rabal, en Oímbra (2.100 hectáreas), e máis os dous focos orixinados no concello de Quiroga: os de Nocedo (15 hectáreas) e Outeiro (250).

En total, máis de 32.000 hectáreas arderon na última semana e media, nunha cifra superior á rexistrada conxuntamente entre os anos 2018 e 2021.