Os incendios do Courel e Valdeorras, aínda descontrolados, son xa os maiores da historia da Galiza

O lume cerca varios núcleos de vivendas no Barco de Valdeorras. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Na Galiza arderon xa perto de 30.000 hectáreas.

Cos últimos datos proporcionados pola Consellaría de Medio Rural na man, os dous macroincendios que afectan O Courel e Valdeorras, e que aínda seguen descontrolados, son xa os de maior extensión arrasada da historia da Galiza desde que existen rexistros.

O incendio de Folgoso do Courel, con tres focos que remataron por unirse, suma xa perto das 10.500 hectáreas calcinadas. A estas cómpre sumar outro incendio neste concello, que afecta a parroquia de Seceda, que xa queimou unhas 1.100 hectáreas.

No caso de Valdeorras, as hectáreas ardidas superan as 10.500 hectáreas, apunta Medio Rural. Este incendio afecta principalmente os concellos do Barco de Valdeorras, Carballeda e Rubiá, ademais de varias poboacións de León, despois de que as lapas superasen a fronteira do país no día de onte.

Até este verán, os incendios que afectaron Ponteareas en 2017 e Cerdedo en 2006, cando as dúas últimas grandes vagas de lumes na Galiza, eran os de maior extensión queimada, con 8.900 e 7.300 hectáreas calcinadas respectivamente.

Estes dous macroincendios suman máis de 60% das hectáreas afectadas pola vaga de lumes que comezou hai xa unha semana, a pasada quinta feira, despois de que unha tormenta seca con máis de 6.000 raios na Galiza e as altas temperaturas creasen o contexto propicio para a expansión explosiva dos lumes.

Mesmas hectáreas que nos últimos 4 anos

Con base nos datos provisionais da Consellaría do Medio Rural da última hora de onte, a superficie queimada desde a pasada quinta feira nos montes galegos superaba xa as 29.300 hectáreas.

Esta cifra é practicamente idéntica porción do territorio galego calcinado en conxunto nos catro anos anteriores: 4.371 hectáreas en 2021, 14.823 en 2020, 6.835 en 2019 e 2.599 en 2018. Cómpre lembrar que hai menos de dous meses a Xunta da Galiza marcara como obxectivo que ardesen menos de 16.000 hectáreas ao longo de todo o 2022.

Desde o ano 1968 ardeu unha superficie equivalente a case 56% da Galiza, 1,7 millóns de hectáreas das 2,9 millóns que conforman o territorio galego. A porcentaxe, extraída da estatística que elabora anualmente o Ministerio de Agricultura, ten o punto de partida nese ano de finais da pasada década dos 60 e esténdese até a actualidade.

Un estudo internacional publicado en 2020 e no que colaborou profesorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), situaba a Galiza como o territorio europeo con maior densidade de incendios e máis hectáreas arrasadas na última década. O traballo en Agroforestry Systems tamén incidía que as tarefas agrícolas e forestais reducen o risco de incendios, para alén de favorecer un uso sostíbel da terra. Un discurso que volve coller relevancia a raíz dunha nova vaga de incendios que reabre o debate sobre o territorio e os seus usos.