O incendio do Barbanza estabilizado

Monte de eucaliptos arrasado polos incendios en Boiro. (Foto: Arxina).

A Xunta da Galiza dá por estabilizados os fogos na Barbanza após arrasar máis de 2.200 hectáreas.

O cambio nas últimas horas das condicións meteorolóxicas favoreceu a loita contra os lumes na comarca da Barbanza. Segundo sinalan a Nós Diario membros das brigadas forestais da Xunta da Galiza, “a falta de vento a partir da última hora de onte e a aparición de orballo en diversas localidades da zona permitiu actuar con máis eficacia ao operativo contra os lumes”.

Os responsábeis do operativo de extinción dan por estabilizado os incendios se ben recoñecen que van permanecer na zona até a terza feira, desenvolvendo labores de refresco das superficies queimadas. Neste sentido, sinalan que “queda moito por facer porén os peores momentos xa teñen pasado”.

Os axentes forestais da Xunta significan que “a situación máis preocupante atópase agora no concello de Porto do Son”, a onde teñen desprazado nas últimas horas o groso dos equipos presentes na comarca.

Eucaliptos, piñeiros e vento

O incendio que arrasou o Barbanza nestes días comezou a cuarta feira cun lume na parroquia boirense de Curés, expandíndose desde alí ao conxunto da comarca. Nesta liña, a extensión dos lumes veuse favorecida polo vento e a alta concentración de eucaliptos e piñeiros.

A situación máis crítica nestes días viviuse en Ribeira. Precisamente nesta localidade, as autoridades víronse obrigados a desaloxar a veciñanza da parroquia de Oleiros pola proximidade do fogo as súas vivendas.

O lume, que queimou os montes da serra do Barbanza e lugares tan emblemáticos como A Curota, provocou o desaloxo de 250 persoas instaladas no cámping ‘Rias Baixas’ de ribeira, onde o fogo provocou importantes danos.

Os membros das brigadas forestais da Xunta, consultadas por este xornal, recoñecen que os medios chegaron tarde e non son suficientes. A este respecto, afirman que a multitude de lumes en toda Galiza impide poder concentrar os equipos nun punto, o que dificulta os traballos de extinción.