Os incendios cébanse co sueste do país

As chamas arrasaron montes en man común de Campobecerros, en Castrelo do Val, na comarca de Verín. (Foto: Nós Diario)
O sueste do país tense convertido durante este mes de agosto na zona cero dos incendios forestais na Galiza. A actual vaga de lumes, que destaca polo seu carácter persistente, calcinou en quince días unha superficie moi próxima a 13.000 hectáreas, nunha zona onde ademais as eléctricas proxectan diversos complexos eólicos.

A Xunta da Galiza sinala ter a situación controlada, porén, no sueste do país continuaban até onte varios incendios, alén do fogo que onte seguía sen controlar en Pantón. Un deses fogos, o localizado entre Laza e Chandrexa de Queixa, no corazón do Macizo Central, supera máis de 2.100 hectáreas calcinadas. Outro, neste caso emprazado en plena comarca de Monterrei, afectaba até onte, cando Medio Rural deuno por extinguido, os concellos de Ríos e Oímbra, até o punto de devorar nesta última localidade a capela de Santa Ana, unha edificación medieval  nun lugar privilexiado que actúa como miradoiro para as terras do Val do Támega.

Campobecerros, no concello de Castrelo do Val, foi o último lugar a onde chegou o lume e onte, segundo Medio Rural, o incendio foi extinguido. O lume comezou ás dez da noite do 14 de agosto, tras detectarse varios focos continuados ao longo dunha vía forestal lindeira co encoro de Portas. Malia que a resposta dos equipos de extinción non se demorou, as chamas devoraron en poucas horas perto de 175 hectáreas de piñeiro, a maior parte pertencentes á comunidade de montes en man común da referida parroquia.

Xosé Barxa foi durante décadas bombeiro forestal e actualmente preside a Comunidade de montes en man común de Campobecerros. “Isto foi unha cousa nunca vista”, sinala Barxa en relación co incendio a Nós Diario. "Eu non lembro unha vaga como esta, nin uns fogos tan virulentos, en 2006 non foi así. Ademais, nesta comarca a peor época sempre foi agosto, pero coa seca deste ano e coa falta de auga vai vir un setembro moi duro e non sería raro que outubro tamén sexa complicado”, di. Neste sentido, afirma que “en 2006 os fogos non eran tan urbanos, facíanse no medio do monte, o que dificultaba moito apagalos”. Xosé Barxa entende que os incendios responden a razóns estruturais. 

'Pór o rural a producir'

“Hai que mudar a política forestal, non pode estar baseada só na extinción, senón que debe xirar arredor da prevención, polo que é necesario contar con brigadas todo o ano, brigadas con formación e ben dotadas e non como as que mandaron aquí, a maioría das cales estaban compostas só por dúas persoas”, continúa Barxa, quen cre necesario “pór o rural a producir e rematar co seu abandono”.Malia isto, non dubida de que “o lume en Campobecerros foi provocado, a xente que causou o incendio sabía o que facía” e significa que “detrás dos fogos hai moitas veces intereses ocultos”.

Alberte Blanco Casal foi director xeral de Montes da Xunta da Galiza durante a vaga de incendios de 2006 e reside en Verín desde hai anos. “Dáse un problema estrutural no monte deste país”, afirma a Nós Diario. Considera que “o estado de abandono do medio rural xunto á estrutura forestal, con grandes masas de alta combustibilidade, obriga, sen dilación, a un cambio de enfoque na loita contra os incendios”.

Neste sentido, Alberte Blanco sinala que “o noso país, con milleiros de núcleos dispersos por todo o territorio, rodeados de fincas abandonadas e de montes con especies industriais, configura un espazo altamente vulnerábel. Unha circunstancia agravada pola estrutura de poboación e un adverso meteorolóxico consecuencia da alteración climática”. 

'A ineficacia preventiva'

Blanco amósase sorprendido con que “coa actividade incendiaria diaria e coas miles de hectáreas queimadas no Macizo Central e no Val de Monterrei non estea en marcha un operativo especial de vixilancia, mesmo cunha finalidade disuasoria. Hai unha ineficacia preventiva evidente, cando non se aplican medidas deste tipo, sabendo como se sabe, que en Verín ou en Oímbra os incendios comezaron en perto de 10 puntos á vez”. Porén, recoñece a dificultade de aplicar esta proposta “ao carecer a Xunta da Galiza de Policía propia”.

"As plantacións teñen un deseño franquista"

Nieves Amado Rolán é arqueóloga e veciña de Laza. “Andamos perdidos, sabemos que algúns lumes como os do Courel, a serra do Invernadoiro ou Valdeorras foron provocados polas tormentas pero hai outros cuxa intencionalidade é evidente, como aconteceu en Verín, a capital da comarca, cun fogo provocado en 10 ou 11 puntos diferentes”, expón Amado a Nós Diario. Lembra que “a ordenación e as plantacións forestais nesta zona son un deseño do franquismo, polo que urxe mudalo”.

A idea de que unha parte dos lumes sexan intencionados está moi estendida entre a veciñanza desta zona. Na mesma dirección, a opinión popular apunta aos intereses das eléctricas, por coincidir moitas zonas queimadas coa localización de determinados proxectos eólicos.

Que hai detrás dos incendios?

Alberte Blanco Casal sinala “a particularidade da actividade incendiaria deste verán en Ourense, especialmente no sueste” e pregúntase se “se trata dun grupo de tolos ou dun plan para eliminar 'obstáculos arbóreos' e facilitar a construción de eólicos, por exemplo”.