O balance da vaga de lumes: máis de 13.800 hectáreas calcinadas

Vivenda calcinada polo lume no Barco de Valdeorras (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
O lume orixinado en Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Riodolas, calcinou xa 4.600 hectáreas, segundo a información da Xunta.

A vaga de incendios que afecta estes días á Galiza, nomeadamente nas comarcas do interior, arrasou xa case 13.800 hectáreas de terreo, segundo o parte facilitado pola Consellaría do Medio Rural, con datos recollidos até as 19.15 horas desta segunda feira.

Destes lumes, dous, os máis grandes, continúan activos e avanzan a gran velocidade alimentados polos terreos secos, o vento e as temperaturas elevadas, xa que se sitúan nas únicas zonas da Galiza que aínda permanecen en alerta por altas temperaturas: o interior as montañas de Valdeorras e O Courel.

En concreto, o lume orixinado en Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Riodolas, calcinou xa 4.600 hectáreas, segundo a información da Xunta. Após aproximarse o domingo ao núcleo do Barco, avanza agora en dirección a Sobradelo, Rubiá e Biobra, nas proximidades do parque da Serra da Enciña da Lastra.

Nos labores de control e extinción deste lume participan sete técnicos, 34 axentes, 69 brigadas, 35 motobombas, tres pas, 11 avións, 10 helicópteros e persoal da UME. Aliás, foi activada a situación 2 pola proximidade das chamas ao núcleo de Candeda, en Carballeda.

Por outra parte, arderon xa unhas 4.500 hectáreas de terreo noutro incendio de grandes dimensións resultado da unión de varios lumes rexistrados no Courel, concretamente en Folgoso e A Pobra do Brollón.

Na extinción deste lume, que continúa tamén activo, participan 16 técnicos, 88 axentes, 130 brigadas, 84 motobombas, tres pas, unha Unidade Técnica de Apoio, 17 avións, 18 helicópteros e membros da UME. Tamén aquí segue activa a situación 2 pola proximidade aos núcleos de Parada dos Montes e Carballal, en Folgoso, e Busto, na Pobra.

En Vilariño de Conso, outro incendio activo deixa xa 1.800 hectáreas queimadas no Parque Natural do Invernadoiro, mentres que o lume orixinado na parroquia de Seceda, en Folgoso do Courel (Lugo) alcanza xa as 1.100 hectáreas queimadas e mantén activada a situación 2 pola proximidade das chamas ao núcleo de Gamiz.

No interior do país tamén permanecen activos un incendio iniciado na parroquia de Ramil, en Palas de Rei, que afecta perto de 375 hectáreas, e outro en Cervantes —parroquia de Cereixedo—, que queimou 20 hectáreas.

Aliás, tres lumes afectan o municipio de Oímbra, un na parroquia de Videferre —activo— que queimou 350 hectáreas e que entrou no país desde Portugal; outro en San Cibrao, estabilizado desde o mediodía após afectar 20 hectáreas; e un terceiro, tamén activo, en Rabal. Os dous últimos lumes tamén teñen activada a situación 2 pola proximidade aos núcleos de Rabal, en Oímbra, e Mandín, en Verín.

Estabilizados e controlados

No parte de Medio Rural figuran como estabilizados un incendio en Cervantes —parroquia de Donís—, que afectou 75 hectáreas, e outro en Quiroga —parroquia de Nocedo—, que queimou 15.

Tamén están controlados os lumes de Outeiro, en Quiroga, con 250 hectáreas, e o de Santa Mariña do Castro, en Antas de Ulla, con 40, así como o lume de Ribadavia, que afectou a 65 hectáreas, e o da parroquia de Guillar, en Rodeiro, que queimou 200 hectáreas.

A esta superficie habería que sumar a calcinada por cinco lumes xa extinguidos, que afectaron a máis de 250 hectáreas: Cualedro (31 hectáreas), Baiona (46 hectáreas), Melón (dous lumes que suman 98 hectáreas) e Quiroga (83 hectáreas).

Desaloxos

Os lumes provocaron o desaloxo preventivo de varios núcleos de poboación, así como cortes nalgunhas estradas. En concreto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informaba esta mañá que, durante a noite, foran desaloxados 30 núcleos de poboación con perto dun milleiro de persoas evacuadas en total.