Os incendios activos na Galiza suman xa máis de 20.000 hectáreas arrasadas

Incendio na Mezquita. (Foto: Concello da Mezquita)

Os dous focos activos en Chandrexa queimaron case 9.000 hectáreas e o de Oímbra xa afectou 5.000

Os incendios activos na Galiza acumulan xa ao redor de 20.000 hectáreas queimadas,s egundo os datos da Consellaría de Medio Rural ofrecidos na mañá desta quinta feira, 15 de agosto.

Están activos os incendios de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo (4.500 hectáreas), Chandrexa de Queixa-Parafita (5.000 ha), Maceda-Santiso (1.700), Oímbra-A Granxa (5.000), A Mezquita-A Esculqueira (4.000 ha), Vilardevós-Vilar de Cervos (200 ha) e Larouco-Seadur (150 ha).

Así, son sete os incendios activos na provincia de Ourense, catro deles grandes fogos forestais que queiman miles de hectáreas. Chandrexa de Queixa fai unha semana desde que se iniciou o lume sen control o 7 de agosto na parroquia de Requeixo, o cal queima 4.500 hectáreas.Os bombeiros avisaban ese mesmo día de que, se non se lograba atallar rápido a súa extensión, podía levar a queimar toda a serra debido ás dificultades de acceso e condicións meteorolóxicas. A este sumouse o 12 de agosto tamén en Chandrexa o incendio da parroquia de Parafita, que calcina en só dous días máis de 5.000 hectáreas.

As sumas destes incendios en Chandrexa é de 9.500 hectáreas, unha cifra que se aproxima aos dous maiores incendios na Galiza desde que hai rexistros, os que tiveron lugar na vaga de incendios de xullo de 2022: O Courel (11.800 hectáreas) e Valdeorras (10.500 hectáreas).

Mentres, o de Oímbra, parroquia da Granxa, encabeza tamén a superficie queimada xunto ao de Parafita, 5.000 hectáreas, un fogo no que resultaron feridos por queimaduras tres bombeiros municipais.

Séguelle o fogo da Mezquita, parroquia da Esculqueira (4.000 hectáreas); Maceda, parroquia de Santiso (1.700 hectáreas). Tamén están activos os de Vilardevós, parroquia Vilar de Cervos (200 hectáreas); e Larouco, parroquia de Seadur (150 hectáreas).

Pola súa parte, Medio Rural dá por estabilizados -aínda sen controlar- os incendios de: Maceda, parroquia de Castro de Escuadro (450 hectáreas); Dozón (Pontevedra), parroquia do Castro (400 hectáreas); Vilariño de Conso, parroquia de Mromentelos (180 hectáreas); Montederramo, parroquia de Paredes (120 hectáreas); Ourense, parroquia de Seixalbo (100 hectáreas); así como Vilardevós, parroquia de Moialde (40 hectáreas).

A Consellaría informa que permanece declarada a situación 2 a nivel provincial en Ourense, "o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia". Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME). 

A esta cifra súmanse unhas 3.000 hectáreas calcinadas previamente no verán na Galiza -con base en datos dos lumes comunicados por Medio Rural-, o que eleva por riba das 25.000 hectáreas a superficie arrasada en toda a campaña de alto risco no país.

[En ampliación]