O incendio de Verín continúa activo após arrasar 160 hectáreas e un lume queima máis de 20 en Riós

Imaxe de arquivo (Foto: Brift Laza)

O incendio que afecta a Verín continúa activo esta quinta feira, após queimar xa ao redor de 160 hectáreas, e outro lume que comezou a pasada noite calcinou máis de 20 hectáreas no concello de Riós, de acordo coa información actualizada até as 9:00 horas da Consellería do Medio Rural.

No caso de Verín, o incendio declarouse ao redor das 15:40 desta cuarta feira na parroquia de Queirugás e no lugar traballaron até agora un técnico, seis axentes, 16 brigadas, nove motobombas, unha pa, 10 helicópteros e nove avións.

No concello de Riós está estabilizado desde as 7:16 horas desta quinta feira un lume que comezou na parroquia de Castrelo de Cima cara ás 22:00 horas da cuarta feira e que afectou xa a máis de 20 hectáreas, segundo as primeiras estimacións.

Nos labores de extinción colaboraron até agora cinco axentes, 10 brigadas, seis motobombas e unha pa.

Por outra banda, está controlado desde as 21:30 horas da cuarta feira o incendio que afectou á parroquia de Nebra, en Porto do Son. Neste caso, as calcinaron unha superficie de 40,71 hectáreas de arborado.