Controlado o incendio en Sogarisa (As Somozas) que obrigou a activar o Plan de Emerxencias

Incendio na planta de Sogarisa. (Foto: Europa Press)
Este domingo rexistráronse na planta varias explosións que precederon as chamas. Alí había varios traballadores e dous deles foron trasladados por inhalación de fume e queimaduras.

O xefe provincial de Emerxencias informou a última hora deste domingo de que o incencio que se orixinara durante a tarde na planta de Sogarisa nas Somozas (Ferrolterra) quedaba "baixo control" e camiño de extinción. O fogo obrigou a Xunta a activar o Plan de Emerxencias da Galiza (Platerga) en nivel un e, aínda que o incendio seguía activo a última hora, xa está baixo control coa zona asegurada.

Os efectivos lograron controlar o incendio mediante a aplicación de escuma, máis eficaz con este tipo de substancias inflamadas e beneficiosa ao reducir o escorregamento de augas sucias procedentes da extinción.

Este lume iniciouse contra as 16.20 horas e, segundo informaron fontes coñecedoras do caso citadas pola axencia Europa Press, na zona rexistráronse varias explosións, que precederon o comezo das chamas, afectando unha zona na que se almacenaban distintos produtos.

Nese momento había na planta varios traballadores e dous deles foron atendidos e trasladados por inhalación de fume e queimaduras ao centro hospitalario. No operativo interviñeron os bombeiros de Ferrol, Narón e Villalba e persoal de Distrito de Incendios Forestais da zona, que tamén mobilizaron motobombas.

Ademais, participaron os técnicos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e de Augas da Galiza, co obxectivo de estabelecer os controis necesarios para a evacuación de augas sucias procedentes da extinción.

Por iso, a central de emerxencias avisou os concellos veciños de San Sadurniño, Moeche e Narón para que activasen as medidas preventivas necesarias. En calquera caso, as autoridades locais confirmaron que ningún dos municipios realiza captacións do río Xubia.