LUMES

O incendio de Quiroga e Larouco destruíu 500 hectáreas de superficie

Extinción do incendio de Valdeorras

A Xunta considera controlado o lume, o primeiro de grandes dimensións que tivo lugar este verán.

O incendio declarado entre os municipios de Quiroga (Lugo) e Larouco (Ourense) foi controlado tras queimar unhas 500 hectáreas de superficie, segundo as estimacións provisionais da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, á espera das que poidan facer outras autoridades ou organizacións da zona afectada.

De confirmarse os datos provisionais de que a superficie afectada por este lume de Quiroga e Larouco ascende a 500 hectáreas, este converteríase no primeiro grande incendio do verán en Galiza. Segundo datos oficiais, traballaron na súa extinción 36 brigadas, 18 motobombas, oito avións e oito helicópteros.