O incendio que arrasa Trevinca continúa "sen control" e "sen aparecer nos datos oficiais"
Voluntariado nas tarefas de extinción do lume critica a "falta de medios" de extición achegados pola Xunta da Galiza. "Hoxe non houbo ninguna descarga".
A Xunta da Galiza notificou esta terza feira un "novo" incendio na Galiza que afecta o municipio da Veiga (comarca de Valdeorras) e que, segundo a Consellaría de Medio Rural, queimou "máis de 20 hectáreas", un dato de superficie arrasada que o departamento que dirixe María José Gómez mantén, aínda esta cuarta feira, "pendente de novas medicións".
Segundo cifras da Junta de Castela e León, este incendio, orixinado en Porto de Seabra, arrasou xa 6.000 hectáreas, unha cifra que o satélite Copernicus eleva a máis de 8.000.
Trátase dun lume que entrou no país desde Seabra xa o pasado domingo e que, tal e como denunciou nos últimos días tanto a veciñanza como perfís de redes sociais como Orgullo Galego, arrasou boa parte das emblemáticas montañas de Trevinca, así como parte do histórico Teixadal de Casaio.
"Mércores, 20 de agosto de 2025. Arestora, o incendio que teño detrás miña, no territorio de Trevinca, para a Xunta da Galiza non existe. Non figura nos datos oficiais", explica Juanjo de Terras Altas de Trevinca nun vídeo difundido nas redes por Orgullo Galego.
Nas imaxes, vemos como sae fume de boa parte das montañas. "Iso que vedes que está ardendo, que segue activo, segue consumindo hectáreas e hectáreas de monte, seguimos perdendo biodiversidade. Non só plantas, tamén animais", afirma Juanjo.
O certo é que, como sinala, non hai unha cifra, tan sequera estimada, do que leva ardido en Trevica. "Cinco, seis mil hectáreas?", pregunta, sobre un incendio que "segue sen control" e "sen medio suficientes". "Hoxe non houbo aquí ningunha descarga [de auga] de ningún medio aéreo para apagar ese lume", di. "Deixouse arder o Valmeladas enteiro e onte quitáronnos de alí de apagalo", conclúe Juanjo.