A Xunta notifica tres días tarde o incendio de Trevinca: "A Administración está reaccionando agora cando o dano xa está feito"

Lagoa glaciar da Serpe, en Trevinca. (Foto: Cedida)

Antonio Fernández 'Cholo', veciño de Vilanova de Trevinca, critica, indignado, a falta de medios para atallar o incendio que arrasou as emblemáticas montañas de Trevinca. No seu sitio, explica Cholo, queda "un deserto de cinza negra e gris".

A Xunta da Galiza notificou esta terza feira un "novo" incendio na Galiza que afecta o municipio da Veiga (comarca de Valdeorras) e que, segundo a Consellaría de Medio Rural, queimou "máis de 20 hectáreas".

Segundo cifras da Junta de Castela e León, este incendio, orixinado en Porto de Seabra, arrasou xa 6.000 hectáreas, unha cifra que o satélite Copernicus eleva a máis de 8.000.

Trátase dun lume que entrou no país desde Seabra e que, tal e como denunciou nos últimos días tanto a veciñanza como perfís de redes sociais como Orgullo Galego, arrasou desde o pasado domingo boa parte das emblemáticas montañas de Trevinca.

"Este incendio que arrasou a serra da Segundeira e que naceu no alto da aldea de Porto —practicamente nunha estrada, cousa moi estraña, non?—. Desde alí colleu toda a serra da Segundeira e meteuse de cheo no corazón das montañas de Trevinca. Pasa primeiro moi de perto da lagoa glaciar da Serpe e despois arrásaa por completa. Baixando por diferentes vales, métese xa no fantástico val glaciar do río Xares. Continúa en dirección ao Teixadal [de Casaio], que está moi tocado. A ver que pasa con ese magnífico bosque. E tamén se revolve cara os vales dos ríos Melades e Caromalú. Unha desgracia ambiental que non se pode entender". Así o relata a Nós Diario Antonio Fernández 'Cholo', veciño de Vilanova de Trevinca (A Veiga) e presidente do Club Montañas de Trevinca.

Como coñecemos da voz de Cholo, non ardeu pouco en Trevinca nestes tres días nos que este incendio "non existiu" para a Xunta. "Mira, sentes o ruído? Aí vai un camión antiincendios". Escoitamos a través do teléfono o motor do vehículo subindo cara as montañas, un dos poucos medios de extinción que recibe a zona no día de hoxe.

"Xa as bágoas se me acabaron. Xa non teño bágoas no depósito. O único que me queda, realmente, indignación", explica Cholo emocionado.

O dano "xa está feito"

Antonio Fernández 'Cholo'.

"Estes incendios son incendios que tiñan que acabar sucedendo un día ou outro", afirma categoricamente o montañeiro en relación á vaga de lumes que afecta o país e no que xa arderon máis de 70.000 hectáreas segundo cifras de Medio Rural. "Porque as administracións —dá igual o partido político, BNG, PSdeG ou PP— non fan nada. Non hai plans para a natureza, ninguén comprende que é sobre todo nas montañas onde se conserva a esencia. Nunhas montañas como son as de Trevinca, recoñecidas en todo o Estado español polas súas características de glaciación, polos seus vales glaciares, unha fauna e unha flora incríbeis... non hai protocolos de actuación, non hai nada", engade.

"A Administración está reaccionando agora cando o dano xa está feito. Entendo que hai moitos incendios en todas partes, pero que un macizo tan importante como Trevinca quede desarmado, sen que haxa absolutamente ninguén que se interese polo asunto, é moi difícil de aceptar", explica Cholo resignado a aceptar que "o perdido, perdido está". "Hai cousas que non se van recuperar, e a recuperación será moi lenta, de moitísimo tempo".

E o que máis indigna a veciñanza de Trevinca é que o incendio que arrasou a súa contorna "podería terse evitado". "Un lume que podería ter sido pequeno converteuse nunha catástrofe", vaticina Cholo.

Sen prevención

"Ano tras ano, os incendios na Galiza repítense, e nunca se colle o touro polos cornos", critica, comparando os reiterados lumes que afectan os montes galegos con "cortar a silveira que molesta pero deixar a raíz: volve saír, e volvemos cortar, en vez de arrincala".

Este veciño de Vilanova de Trevinca urxe prevención "todo o ano". "Non hai plans de xestión, non hai traballo previo, non hai estudos nin investigación seria sobre de onde veñen os lumes, por que se producen e quen os causa. Falamos de medios, de avións, de helicópteros… pero non falamos do antes, das causas. O señor [Alfonso] Rueda dixo onte que máis do 80% dos lumes son provocados. E iso sábeo todo o mundo desde hai moitos anos. Pero, se son provocados, quen os provoca? Que intereses hai detrás?", pregunta Cholo.

"Necesitamos xente no monte todo o ano, facendo labores de prevención, de limpeza, de educación ambiental. A natureza é fundamental", valora. "Necesitamos os montes limpos, os bosques, a auga, o aire. Agora todo está cheo de fume irrespirábel e queda un deserto de cinza negra e gris. Moitas cousas podían terse evitado".