Os incendios avanzan sen control en Carballeda de Valdeorras, Laza e Chandrexa, con case 1.400 hectáreas arrasadas

O fogo que axexou As Pontes, durante a madrugada. (Foto: @incendiosgalic1 / Twitter)
O fogo forestal de Carballeda de Valdeorras avanza tamén sen control e xa queimou 270 hectáreas.

*Información actualizada ás 14.30 horas

O Goberno galego desactivou a situación 2 de alerta por proximidade a núcleos de poboación no incendio das Pontes, que se decretara a última hora desta terza feira polo avance das chamas cara ao núcleo de Cuíña.

Segundo o último parte remitido pola Consellaría de Medio Rural, con datos até as 13.30 horas desta cuarta feira, o foco que se iniciou ás 20.23 horas da terza na parroquia das Pontes foi estabilizado contra as 12.05 horas de hoxe.

Até o momento arrasou unhas 105 hectáreas e para a súa estabilización empregáronse catro técnicos, oito axentes, 20 brigadas, once motobombas, tres pas, unha unidade técnica de apoio e un helicóptero.

O concello rexistraba outro foco ás 22.59 horas que, con todo, quedaba estabilizado ás 7.16 horas desta cuarta feira. Orixinado na parroquia de Vilavella, queimou 60 hectáreas.

Pola súa parte, o incendio de Boiro non rexistra cambios —permanece estabilizado desde a segunda feira—. O fogo iniciábase na pasada quinta na parroquia de Cures, afectando tamén os municipios da Pobra do Caramiñal e Ribeira. Este é o de maior superficie calcinada no mes de agosto no conxunto do país, con 2.200 hectáreas ardidas. A Xunta informou de que se orixinou na cheminea dunha vivenda boirense.

Aliás, continúa baixo control o fogo forestal de Ponte Caldelas, iniciado na parroquia de Xustáns e que calcinou 380 hectáreas.

Pola contra, o de Carballeda de Valdeorras, que se iniciou na parroquia de Casaio, fica activo e xa afecta 440 hectáreas. Traballan na zona un técnico, cinco axentes, 18 brigadas, seis motobombas, dúas pas, sete avións e sete helicópteros.

Aliás, esta terza feira rexistrábanse outros dous focos, en Laza e Chandrexa de Queixa. O primeiro, na parroquia de Camba, iniciábase ás 22.01 horas e afecta xa 740 hectáreas. Empréganse para a súa extinción catro axentes, sete brigadas, catro motobombas e unha pa.

O segundo, na parroquia de Queixa, iniciábase ás 19.08 horas cunha afectación, polo de agora, perto de 200 hectáreas. O alcalde, Francisco Rodríguez, advertiu que "está a medrar bastante" por mor dos fortes refachos de vento.

E, o foco de Verín continúa baixo control. A Xunta apunta no parte a que se iniciou en máis dunha de decena de focos diferentes e informa de que arrasou unhas 600 hectáreas. Alí destináronse nove técnicos, 57 axentes, 111 brigadas, 57 motobombas, catro pas, un tractor, unha unidade técnica de apoio, 12 avións e 12 helicópteros.

Finalmente, Medio Rural advertiu hai escasos minutos dun novo incendio, en Cusanca (O Irixo) que xa calcinou unha superficie dunhas 40 hectáreas e que afecta tamén o municipio de Dozón.