[VÍDEO] O incendio no parque natural de Baixa Limia-Xurés calcinou xa 560 hectáreas

Vista da columna de fume do incendio forestal de Lobeira. (Foto: Plataforma Auga Limpa)
O alacalde de Lobeira, Antonio Iglesias, subliñou a Europa Press que existen indicios de que o lume puido ser intencionado.

A superficie afectada polo incendio declarado na noite da cuarta feira no parque natural de Baixa Limia-Serra do Xurés elévase xa a 560 hectáreas.

Así figura na última actualización facilitada pola Consellaría de Medio Rural a través da conta de Twitter @incendios085 á primeira hora da mañá.

O lume, que continúa activo, iniciouse ás 21.15 horas da cuarta feira na parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira. As lapas afectan unha área de difícil acceso, o que, segundo as fontes consultadas, dificulta as tarefas dos servizos anti incendios.

Aínda que nun primeiro momento a Consellaría de Medio Rural informou que a súa evolución era "favorábel" e encamiñábase á "estabilización", o vento do nordés que se levantou na zona durante a madrugada complicou a situación e fixo avanzar o lume con rapidez.

Até o momento traballaron na zona un técnico, 15 axentes, 50 brigadas, 26 motobombas, tres pas, once avións e 13 helicópteros.

Indicios de intencionalidade

O alacalde de Lobeira, Antonio Iglesias, subliñou a Europa Press que existen indicios de que o lume puido ser intencionado.

Segundo detallou, o incendio "comezou despois das 21 horas para que non poidesen operar medios aéreos. Os indicios, o que se fala, é que houbo intención". Porén, non quixo asegurar é que esa fose a causa definitiva, e remitiuse ás investigacións que leven a cabo os técnicos.

O rexedor destacou a melloría da situación nas últimas horas, grazas a que os medios aéreos de extinción poderon comezar a facer uso do encoro das Conchas, que estivera cuberto de néboa.