O incendio de Pantón estabilizado tras calcinar vivendas e viñedos
O incendio declarado a pasada quinta feira no municipio de Pantón (Terra de Lemos) está estabilizado, informou a Consellaría do Medio Rural esta segunda feira á noite. Malia todo, na tarde de onte a Xunta da Galiza anunciou que se desactivaba a situación 2 de emerxencia, que é cando o fogo se achega aos núcleos de poboación. Este incendio, que comezou na parroquia de Pombeiro, calcinou máis de 2.000 hectáreas de terreo, parte delas no concello veciño de Sober, na mesma comarca.
Por outra parte, o incendio do concello mariñán de Barreiros, na parroquia de San Xusto de Cabarcos, quedaba esta segunda feira extinguido. Este lume principiou o 14 de setembro e afectou 152 hectáreas de monte arborizado, comunicou esta segunda feira Medio Rural.
Na Baixa Limia, desde última hora da tarde do domingo, xa se deu por controlado o incendio declarado en Lobios, na parroquia Río Caldo, con dous focos. O lume comezou na madrugada do domingo e afecta polo momento 3,5 hectáreas de superficie, parte delas no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
Críticas á xestión dos fogos
David Álvarez, viticultor de Pantón ao que lle arderon viñedos en plena vendima, denunciou esta segunda feira que a xestión do incendio "foi un desastre". Indica que "non arderon máis casas nin máis terreos pola axuda dos veciños e das veciñas que quedamos, senón ardía todo".
Álvarez critica a "mala organización" e "a falta de coordinación nos medios" e sinala que "os bombeiros dicían que estaban nun sitio apagando e mandábanlles ir a outro cando había unidades sen facer nada". O Sindicato Labrego Galego (SLG), organización á quen pertence Álvarez, sinalou esta segunda feira que levan anos denunciando que "a mellor política contra os incendios é a defensa do rural vivo".