O incendio de Oímbra calcina a capela de Santa Ana: "Só quedaron as paredes"

Aspecto no que quedou o interior da capela. (Foto: Ana María Villarino)
A alcaldesa avanza que o templo será reconstruído após os danos causados por un fogo que xa arrasou unhas 70 hectáreas.

O incendio que afecta o municipio de Oímbra, iniciado na parroquia das Chas o pasado domingo, arrasou practicamente na súa totalidade a capela de Santa Ana. En declaracións a Europa Press, a alcaldesa, Ana María Villarino, explicou que este domingo o lume comezou pouco antes das 17 horas na estrada que vai ás Chas; posteriormente, "mudou a dirección do vento e foi cara Casa dos Montes", polo que "acabou atrapando a capela de Santa Ana, que está no medio do monte".

A rexedora relata que o fogo comezou polo tellado e arrasou todo o interior da pequena capela, incluída "a propia santa". De feito, só "quedaron as paredes" após o incendio. A respecto diso, Villarino avanza que se vai restaurar o edificio. "Xa falei cos conselleiros de Cultura e Medio Rural [Román Rodríguez e José González] e os dous comprometéronse a reconstruíla", valora.

Igualmente, asegura que o crego da parroquia tamén falou co bispo de Ourense, Leonardo Lemos Montanet, que "mostra a mesma disposición" para volver erguer o templo. A rexedora indica que "agora terase que ir vendo cos técnicos", pois "haberá que facer un proxecto de reconstrución dun ben que estaba inventariado".

O incendio de Oímbra, que calcinou xa 70 hectáreas, segue activo esta segunda feira, segundo a última actualización da Consellaría de Medio Rural. Nas tarefas de extinción participaron seis avións e catro helicópteros, entre outros medios.

Templo altomedieval

Este templo acolle cada 26 de xullo a principal romaría de Oímbra. Contan que foi construído para agradecer á santa que os veciños do municipio se salvasen da persecución dos exércitos portugueses.

Así, crese que foi un eremitorio altomedieval, tal e como evidencian parte dos seus muros: unha xanela longa e estreita na ábsida, así como altorrelevos coa forma do sol e a lúa que a tradición clásica grecolatina —Helios e Artemisa— e tamén a popular galega identifica co home e a muller.

O fogo de Oímbra cercou a capela. (Foto: Ana María Villarino)

Ao seu carón, no muro áchase un misterioso castelo labrado que pode representar a torre da homenaxe do castelo de Monterrei que, até o século XV, estivo erguida no barrio do Castelo de Oímbra —posteriormente foi trasladada pedra a pedra—.