A choiva permite restabelecer a conexión ferroviaria Galiza-Madrid, suspendida en Zamora polo lume

O incendio que obrigou a cortar o tráfico ferroviario á altura de Zamora. (Foto: Europa Press)
As precipitacións da última hora axudaron a controlar o incendio, o que permitiu restabelecer o servizo ferroviario pasadas as 21 horas.

Un incendio forestal declarado esta cuarta feira ás 17.15 horas no concello de Val de Santa María, en Castela e León, obrigou a cortar as conexións ferroviarias entre a Galiza e Madrid á altura de Zamora. En concreto, o treito que agora mesmo está cortado é o que vai desde a cidade até a estación de Otero de Sanabria.

Así o informou Renfe sobre as 18 horas, para despois detallar que unha liña de autobuses realizaría un transbordo duns 110 quilómetros por estrada entre a estación de Zamora e Otero de Sanabria para que os pasaxeiros e pasaxeiras puidesen seguir coa súa viaxe coa menor afectación posíbel.

Segundo detallou a compañía ferroviaria, un total de seis servizos poderían verse afectados polo lume, tres en cada sentido, no caso de que as lapas non remitan antes do final do día.

Porén, as precipitacións da última hora axudaron a controlar o incendio, o que permitiu restabelecer o servizo ferroviario pasadas as 21 horas.

Agora mesmo, nos labores de extinción participan dous técnicos, seis axentes, tres helicópteros, tres cadros helitransportados, tres cadros xerais, tres reténs de maquinaria, cinco autobombas e os bombeiros de Rionegro del Puente.

Segundo informou a Consellaría de Medio Ambiente, Vivenda e Ordenación do Territorio do Goberno de Castela e León, o Servizo de Extinción de Incendios autonómico decretou o nivel dous de perigosidade. A escala empregada para medir o risco dos lumes vai de cero a tres.