Unha muller de 53 anos falece en Oleiros a causa dun incendio na súa vivenda

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
Esta foi a segunda vítima mortal nun incendio esta semana na comarca da Coruña, tras o falecemento dunha muller maior con mobilidade reducida nunha vivenda de Bergondo, onde tamén afectou o lume.

Unha muller de 53 anos de idade faleceu nas últimas horas nun incendio rexistrado no seu domicilio, nun edificio da rúa Beiramar, en Perillo, no termo municipal de Oleiros (comarca da Coruña).

Segundo informaron fontes municipais, a alarma saltou pouco despois das 3 horas, e o 112 da Galiza informaba os servizos de emerxencias municipais, que acudiron ao lugar, xunto con efectivos do parque comarcal de bombeiros de Arteixo (comarca da Coruña), o 061, a Garda Civil e a Policía Local.

Foron varias as chamadas de veciños e veciñas do edificio alertando a Emerxencias, e insistindo en que vivía unha muller no piso onde se declarou o incendio. De feito, sinalaron fontes de Emerxencias, ante a evidencia do fume, chamaron insistentemente á porta desa vivenda, "sen atopar resposta".

O lume obrigou a desaloxar o edificio e todos os veciños e as veciñas saíron, salvo os ocupantes do piso inmediatamente superior onde se produciu o sinistro que, por indicación dos bombeiros, quedaron na súa vivenda ao non darse as condicións para poder saír de forma segura.

Posíbel inicio do lume na habitación

Como consecuencia do sinistro, faleceu a muller que ocupaba o piso afectado, cuxo corpo foi localizado polos bombeiros ao acceder ao domicilio, unha vez sufocadas as chamas. Segundo informou o 112, os servizos de extinción "observaron que o lume puido iniciarse na habitación, e que se estendeu ao baño e ao salón comedor".

Fontes do 061 informaron de que desprazaron ao lugar unha ambulancia de soporte vital básico e un equipo de Atención Primaria. Con todo, as profesionais sanitarias só puideron confirmar o falecemento da muller.

Unha vez extinguidas as chamas e ventilado o inmóbel, os veciños e as veciñas puideron regresar aos seus domicilios. De momento descoñécense as causas exactas que orixinaron o lume, e xa se abriu unha investigación por parte do equipo da Policía Xudicial da Garda Civil de Betanzos (comarca das Mariñas).

Esta foi a segunda vítima mortal nun incendio esta semana na comarca da Coruña, tras o falecemento dunha muller maior con mobilidade reducida nunha vivenda de Bergondo, onde tamén afectou o lume.

Incendio no Barbanza

Un veciño de Boiro (O Barbanza) tivo que ser trasladado a un hospital tras resultar afectado polo fume dun incendio rexistrado na súa vivenda, segundo informou o 112 da Galiza. Segundo sinalaron fontes de Emerxencias, o lume danou dúas habitacións, que quedaron calcinadas, e toda a vivenda resultou afectada polo fume.