Un incendio nun almacén obriga a desaloxar parte do hospital de Conxo

O lume iniciouse nun almacén do centro sanitario. (Arxina)
Un incendio orixinado nun almacén do hospital de Conxo, en Compostela, obrigou a desaloxar na mañá desta segunda feira parte das instalacións sanitarias. 

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Galiza deu aviso, arredor das 11.30 horas, aos Bombeiros de Compostela e da Agrupación de Protección Civil.

Para garantir as condicións de seguridade nas vías de acceso ao edificio, solicitouse tamén a colaboración dos axentes da Policía Nacional e Local.

Finalmente, o lume foi sufocado coa axuda dos membros dos equipos de extinción e non houbo que lamentar danos persoais, aínda que a situación obrigou a desaloxar parte das persoas que se atopaban na zona de consultas externas próxima á entrada como medida preventiva.