O incendio de Montefaro en 2006, un exemplo do "boicot" do PP á loita contra os lumes
Hai 19 anos Mugardos mobilizou medios para frear un incendio que arrasaba maioritariamente territorio do concello veciño de Ares, gobernado polo PP, nun episodio que ex cargos do BNG ven como precedente da falta de prevención que denuncian hoxe.
No verán de 2006, no segundo ano do PSdeG e do BNG no Goberno bipartito, Galiza sufría unha vaga de incendios que queimou 96.000 hectáreas en todo o país. Un informe dos fogos acontecidos durante a primeira quincena do mes de agosto daquel ano, asinado polo entón xefe do servizo provincial de prevención e extinción de incendios forestais da delegación de Pontevedra da Consellaría do Medio Rural, ao que tivo acceso Nós Diario, detalla o boicot dos concellos do PP ao traballo das brigadas e dos equipos de coordinación para a extinción dos lumes nos catro distritos forestais en que se dividían as zonas de intervención.
A crise actual, con focos que afectan amplas zonas do territorio, reaviva as críticas á xestión do Partido Popular e trae á memoria episodios como o vivido en Montefaro, onde arderon arredor de 200 hectáreas e a maior parte do traballo recaeu sobre o Concello de Mugardos (Ferrolterra).
O lume iniciouse a media tarde en territorio de Ares, cando este concello estaba gobernado polo PP e Mugardos polo BNG. Nos primeiros momentos só había no lugar algúns efectivos de Protección Civil e dotacións enviadas pola Xunta da Galiza, que resultaban insuficientes para conter o avance das lapas, segundo lembra Moisés Rivadulla, ex concelleiro mugardés.
Na xornada seguinte, ao non poderen os operarios da Mugardos mobilizou todos os medios ao seu alcance: quince operarios municipais equipados con desbrozadoras, fouces e unha motoserra, que se sumaron ás tarefas de apoio indicadas polo persoal da Xunta. Ademais, o Goberno local contratou dúas empresas privadas: unha enviou un tractor para limpar camiños e outra unha escavadora para abrir unha devasa arredor dos repetidores de televisión situados no punto máis alto do monte.
Estas intervencións realizáronse case na súa totalidade en territorio de Ares. Porén, segundo Rivadulla, "o Concello gobernado polo PP non enviou medios propios nos primeiros días", limitándose a desprazar un reducido grupo de operarios só ao final, cando xa corría a noticia de que só Mugardos estaba traballando no monte aresán.
Veciñanza da zona tamén denunciou naquela altura que o Concello de Ares lles negara material básico, como batelumes, para colaborar nas tarefas de extinción. Mesmo circulou a anécdota dun concelleiro que, advertido de que ardía o monte, respondeu cun "Ya lo sé", sen adoptar ningunha medida, segundo recolle o ex edil.
A "deixadez do PP"
O lume prolongouse durante varios días e acabou afectando unhas 200 hectáreas, das cales o 90% correspondían ao termo municipal de Ares. Finalmente, foi o dispositivo da Xunta quen conseguiu controlalo mediante un contralume, aproveitando as condicións do vento.
Para Rivadulla, aquel episodio exemplifica "a deixadez do PP" na xestión de emerxencias, unha actitude que, asegura, se repite hoxe. "Viuse perfectamente como actuou o PP, con absoluta deixadez porque aínda que lle estaba ardendo o monte 'era un problema del BNG'. E estes días estamos vendo que sen ser o pasotismo deste exemplo concreto, un máis dos moitos que houbo en 2006 cando 'non era asunto deles', os seus alcaldes non querían colaborar e mandaran unha circular para retrasar os convenios cos concellos, si é unha absoluta inoperancia na xestión dun dispositivo escaso que eles mesmos recortaron antes de que Rueda marchase aos toros e co monte cheo de combustíbel, cunhas temperaturas de récord provocadas polo cambio climático que eles mesmos negan e sen os labores de prevención feitas durante o inverno. Esta xente non pode estar á fronte de nada", afirma, en referencia á vaga de lumes que afecta Galiza estes días.