Os incendios forestais que aínda seguen activos queimaron xa perto de 2.140 hectáreas

Un home fotografa o avance do incendio forestal de Laza. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Seguen fóra de control os fogos do Irixo, Boborás, Chandrexa de Queixa e Laza, este último o de maior afección, cunhas 1.350 hectáreas arrasadas polas chamas.

A Consellaría do Medio Rural vén de publicar o balance actualizado dos incendios forestais que aínda non foron extinguidos no país, con datos recollidos até as 9 horas desta quinta feira.

Así, o fogo de Laza, orixinado na parroquia de Camba, segue activo e xa queimou unha superficie de perto de 1.350 hectáreas. Segundo Medio Rural, evoluciona "favorabelmente" cara á súa estabilización.

Activo tamén continúa o de Chandrexa de Queixa, principiado en Queixa, que se está tentando estabilizar após calcinar arredor de 200 hectáreas, así como os de San Cosmede de Cusanca (O Irixo), con 470 hectáreas afectadas, e Astureses (Boborás), con 120 hectáreas.

Por outra parte, o incendio de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, deuse por estabilizado contra as 23.18 horas desta cuarta feira, após arrasar perto de 440 hectáreas. Tamén quedou en situación estábel o de Verín, na parroquia homónima, cunha estimación de 600 hectáreas.

E estabilizado, de igual modo, fica o da parroquia boirense de Cures, que calcinou unhas 2.200 hectáreas e tornou no maior lume do mes de agosto e o cuarto do verán, após os do Courel, Valdeorras e Vilariño de Conso en xullo.

Aliás, o incendio forestal da parroquia pontesa das Pontes está controlado, cunha afección dunhas 105 hectáreas de superficie, ás que cómpre sumar as 60 arrasadas polo fogo orixinado no mesmo municipio, mais en Vilavella.

Por último, as brigadas declararon extinguido, arredor das 23.15 horas desta cuarta feira, o incendio que axexou Xustáns, en Ponte Caldelas, e que queimou unhas 380 hectáreas.