Estabilizado o segundo incendio na Gudiña en sete días tras queimar 24 hectáreas

O fogo xurdiu na parroquia de Barxa, na Gudiña, onde tamén ardera o monte o pasado verán. (Foto: Nós Diario / Arquivo)
A pasada semana outro fogo arrasou 65 hectáreas no mesmo concello.

A Consellaría do Medio Rural vén de informar da estabilización dun incendio forestal na localidade vianesa da Gudiña que calcinou, até o momento, un total de 24 hectáreas, segundo as últimas medicións.

O incendio iniciouse ás 18.52 horas deste domingo na parroquia da Barxa e permaneceu activo até que Medio Rural o considerou estabilizado no mediodía desta segunda feira. Na súa extinción traballan tres axentes, sete brigadas, catro motobombas e un helicóptero.

Hai xusto unha semana outro fogo forestal afectou unha superficie dunhas 65 hectáreas —47 delas de monte raso— tamén neste municipio, mais daquela orixinado na parroquia de Pentes.

No que vai de inverno, segundo as diferentes cifras achegadas polo Goberno galego, queimáronse nos montes do país perto de 380 hectáreas, a maioría delas dentro do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

Este mesmo domingo as brigadas forestais lograban extinguir as chamas que calcinaron unhas 2,4 hectáreas —1,9 no parque natural— no municipio de Lobios. O fogo afectou maiormente superficie de monte raso (1,5 hectáreas), e o resto, con árbores (0,4).

Tamén a pasada semana outro incendio xurdido en Bande entrou no parque da Baixa Limia-Xurés, deixando unhas 0,24 hectáreas calcinadas. E a comezos de febreiro outros tres incendios, orixinados en menos dunha semana, afectaron o mesmo espazo natural.

O de maior magnitude foi o que se iniciou en dous focos en Portugal e entrou na Galiza polo concello de Muíños, cun balance de 160 hectáreas de terreo queimado dentro do parque.