O incendio forestal no municipio de Arbo, na Paradanta, avanza sen control e xa queima 230 hectáreas

Monte arrasado polo fogo que azouta Arbo, na Paradanta (Foto: BrifLaza)

O fogo obrigou a activar a situación 2 de alerta por proximidade do incendio a un núcleo de vivendas da parroquia das Searas.

O incendio forestal activo no municipio de Arbo (A Paradanta) avanza sen control e xa queima 230 hectáreas, segundo a última estimación provisional da Consellaría de Medio Rural na tarde deste sábado.

O fogo obrigou a activar a situación 2 de alerta por proximidade do incendio a un núcleo de vivendas da parroquia das Searas. Ás 20 horas, o incendio multiplica case por cinco as hectáreac afectadas ás 14 horas da mesma xornada.

O lume iniciouse ás 3.17 horas da madrugada deste sábado na parroquia de Mourentán. No lugar traballan nove helicópteros, oito avións, 21 motobombas, catro pas, 30 brigadas, nove axentes e tres técnicos. Tamén se solicitou a colaboración da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

O alcalde do municipio, Horacio Gil, asegurou pola mañá que as condicións meteorolóxicas son "moi adversas" con "moito vento e altas temperaturas", polo que se teme que o incendio continúe arrasando máis hectáreas de monte e que mesmo afecte ás vivendas.

Controlado o incendio en Oímbra (Comarca de Verín)

Pola súa parte, o novo fogo que afecta ao municipio de Oímbra (Comarca de Verín), na parroquia homónima, foi controlado ás 16.40 horas desta tarde de sábado. A superficie arrasada é de 25,5 hectáreas.

O incendio iniciouse ás 23 horas da sexta feira. Nas tarefas de extinción traballan oito motobombas, 14 brigadas, seis axentes e unha pa.

Este mes en Oímbra tamén houbo outros incendios, xa extinguidos, nas parroquias de: Rabal, con 2.100 hectáreas queimadas; Videferre, 919 hectáreas; e San Cibrao, 370 hectáreas.

O outro fogo principal que afecta nestes momentos á Galiza é o de Castrelo de Miño (Comarca do Ribeiro), parroquia de Barral, que queima unhas 200 hectáreas. Está controlado desde a mañá deste sábado.