O incendio en Folgoso do Courel afecta 250 hectáreas e dáse por extinguido o de Rodeiro

Bombeiro traballando na extinción dos lumes (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Dos lumes que se iniciaron nas últimas horas e que permanecen activos, o de maior envergadura é o de Folgoso do Courel, que afecta xa 250 hectáreas.

O incendio rexistrado en Folgoso do Courel afecta xa unha superficie de 250 hectáreas, segundo a última información facilitada na conta de Twitter do número 085 habilitado pola Xunta da Galiza para informar dos incendios forestais.

Dos lumes que se iniciaron nas últimas horas e que permanecen activos, segundo informou a Consellaría de Medio Rural, o de maior afectación é o de Folgoso do Courel onde dunha superficie de 100 hectáreas afectadas pasouse xa a 250.

Con todo, desactivouse o nivel dous neste lume rexistrado na parroquia de Meiraos ao non haber perigo para os núcleos poboacionais, segundo trasladoua Xunta.

Inicialmente, expúxose debido á proximidade do lume ao lugar de Portela, na parroquia de Gundriz, no concello limítrofe de Samos. Este lume iniciouse ás 23.43 horas da pasada noite e aínda permanece activo.

No caso do incendio en Cerdedo-Cotobade, dáse por controlado, segundo informa a conta de Twitter da Xunta, o lume na parroquia de San Xurxo de Sacos, que comezou pasadas as 23.56 horas da pasada noite. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 50 hectáreas.

No concello de Rodeiro, na parroquia de Pedroso, dáse, mentres, por extinguido o incendio que comezou pasadas as 23,40 horas. De acordo coas últimas medicións, a superficie afectada é de 126 hectáreas, 120 de monte raso e seis de arborado.

Por outra banda, ás 5.50 horas desta madrugada quedou controlado o incendio rexistrado no concello de Monforte de Lemos, na parroquia de Marcelle, tras comezar este o 31 de marzo ás 13.53 horas. Tras unha nova medición, a superficie afectada é de 38 hectáreas, precisa a Consellaría. Delas 30 son arborada e oito de monte raso.

Á súa vez, en Calvos de Randín o incendio rexistrado con catro focos neste concello, na parroquia de Randín, quedou extinguido ás 23.58 horas da pasada noite tras comezar ás 21.20 horas. De acordo coas últimas estimacións, a superficie afectada foi de 0.8 hectáreas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, dos cales 0.1 foron arborada e o resto monte raso.