Incendio en Ence nunhas obras que carecían de licenza

O lume, que xerou unha gran fumareda negra que se podía ver en toda a Ría, orixinouse na torre de refrixeración.

Sobre as nove da mañá unha gran fumareda procedente de Ence era visíbel en toda a Ría de Pontevedra, unha fumareda orixinada nun incendio nunha zona, a torre de refrixeración, onde se desenvolvían obras que segundo o Concello carecían da preceptiva licenza.

 

O lume foi extinguido sen que se producisen danos persoais. Os traballadores desaloxaron as instalacións nun primeiro momento mais, unha vez extinguido o lume, volveron ás instalacións.

 

A tenente de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva, afirmou que “se a empresa non actuase como actuou este incendio non se tería producido". Ademais, sinalou que o incendio orixinouse nunha torre de refrixeración que estaba a ser desmantelada nunhas obras que "carecen da preceptiva licenza". Por iso, anunciou, a administración municipal paralizará esas obras.

 

a APDR convocou unha concentración para esta cuarta feira na Praza da Peregrina ás 21 horas. Denuncia o perigo da factoría para a Ría.