Dúas persoas atendidas por inhalación de fume en Ourense por mor dun incendio que calcinou un piso

Un home observa os bombeiros apagar o incendio en Ourense (Foto: Agostime Iglesias / Europa Press).
Tamén en Cangas os servizos sanitarios trasladaron unha persoa a un centro de saúde con síntomas de intoxicación por inhalación de fume tras declararse un incendio nun edificio abandonado

Un incendio declarado na mañá desta terza feira nun piso dun edificio situado na rúa Bonhome, na cidade de Ourense, calcinou por completo unha habitación e dúas persoas tiveron que ser atendidas no punto polos servizos sanitarios por inhalación de fume.

Segundo veñen de confirmar desde a central de emerxencias do 112-Galiza, varias persoas particulares alertaban contra as 9.45 horas de que saía fume pola fachada do primeiro piso deste inmóbel. Nas súas comunicacións advertían que estaban a caer cascallos á rúa.

Ante esta situación, a central de emerxencias informou dos feitos aos servizos sanitarios por se fose necesaria a súa intervención. Tamén se desprazaron ata o punto os bombeiros da cidade e axentes da Policía Nacional e da Policía Local de Ourense. Pola súa banda, o persoal sanitario atendeu a dúas persoas no lugar dos feitos, sen que fose necesario trasladar a ninguén ao centro hospitalario.

Incendio en Cangas

Os servizos sanitarios trasladaron unha persoa a un centro de saúde con síntomas de intoxicación por inhalación de fume tras declararse un incendio nun edificio abandonado na parroquia de Coiro, en Cangas.

Segundo informou o 112 Galiza, sobre as 12 horas varios particulares puxéronse en contacto coa central de emerxencias para alertar dun incendio nun edificio en construción abandonado da rúa de Atranco.

No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galiza-061, os Bombeiros do Morrazo, a Garda Civil, a Policía Local e os membros de Protección Civil de Cangas.

Cando chegaron ao momento, os Bombeiros evacuaron dúas persoas que permanecían dentro do inmóbel afectado, mentres que o resto xa se encontraba no exterior. A continuación, e tras comprobar que non quedase ninguén nas instalacións, procederon a extinguir as chamas.