A Xunta levanta o confinamento da veciñanza afectada polo incendio da Caniza, que segue activo, ao igual que o de Arbo

Efectivos actuando no incendio da Caniza. (Foto: Irago / Europa Press)

Afecta máis de 200 hectáreas e orixinouse en media ducia de focos.

A Caniza (A Paradanta) é, até o de agora, o incendio máis grande deste verán na Galiza, conmáis de 200 hectáreas afectadas na media noite de onte -e á espera de actualización dos datos- e ducias de veciños ‘confinados’ na tarde e noite de onte polo lume e que a primeira hora de hoxe continuaban nas súas casas até que, pasadas as 9 horas, a Xunta decretou o desconfinamentoO sistema 'ES-Alert', implementatado pola Xunta da Galiza para enviar alertas de emerxencia a través do 112 Galiza aos teléfonos móbiles situados na zona afectada por unha emerxencia, foi utilizado por primeira vez en situación real para facer estas notificacións.

O avance do incendio declarado a tarde da cuarta feira en cinco focos continuos dunha estrada do municipio da Caniza retardouse e os medios de afirmaban nesta pasada madrugada esperar contelo "nas próximas horas", segundo explicou o axente ambiental da Unidade de Directores de Extinción da Xunta (UDEX) Carlos Sanmiguel, no posto de mando avanzado.

Aviso remitido por Emerxencias á veciñanza.

Foi unha rápida propagación das chamas, que obrigou activar a situación 2 pola proximidade do lume a casas e ‘confinou’ os veciños e veciñas de sete núcleos: O Castro, O Chan do Val, A Portela, Portaleiras, Castiñeiro Longo, Barreiros e A Castiñeira.

En plena noite, seguían loitando contra as chamas cinco bulldozer, nove motobombas e 19 brigadas terrestres, despois de que a falta de luz obrigase a retirar os cinco avións e oito helicópteros que traballaron na zona, até a cal xa chegaron os primeiros efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

"A situación ten certa dificultade, pero non é o avance do incendio como foi no primeiro momento. Estamos a levar bastante ben os flancos dereito e esquerdo. Temos o conflito principal na cabeza, pero esperamos podelo ter contido nas próximas horas", relatou aos medios este axente ambiental da UDEX, unha unidade creada fai un par de anos para a coordinación en incendios complicados.

Pola súa parte, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, subliñou que o lume arrincou ás 16.23 horas da cuarta feira "con cinco puntos seguidos ao longo dunha estrada", o que deu pé a que avanzase "con moita rapidez e velocidade".

Gómez destacou que a "situación meteorolóxica moi complicada" -marcada por "ventos fortes do norte e seca"- súmase aos "moitos conatos e incendios" que está a haber "en toda a Galiza, pero especialmente na provincia de Pontevedra". Engade complexidade á situación o feito de que na zona reside "moita poboación e moi dispersa".

O alcalde da Caniza, Luis Piña, constatou una certa "mellora" na evolución do gran incendio rexistrado na localidade. Segundo fontes da Xunta houbo desaloxos de veciños (algún voluntario e outros a instancia da Garda Civil de forma preventiva).

En declaracións a Europa Press, o rexedor, que estaba a percorrer as distintas frontes do incendio, explicou que a situación mellorou e hai "espazos que se están controlando".

Outros incendios

Medio Rural informaba na noite de onte que seguía activo o incendio forestal de Arbo (A Paradanta), parroquia homónima. Deuse por extinguido ás 21.37 horas o incendio forestal do municipio de Meaño (O Salnés), parroquia de Xil, que finalmente afectou unha superficie de 82,89 hectáreas de superficie

Xa volve estar estabilizado dende as 21.54 horas o lume do municipio de Carballeda de Avia (O Ribeiro), parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas

O incendio da localidade de Carballedo (comarca de Chantada), parroquia de San Mamede de Lousada, está controlado dende as 21.15 horas e afecta unha superficie dunhas 16 hectáreas.