Un incendio en Crecente orixinado en tres focos xa arrasa máis de 100 hectáreas

O incendio en Crecente activo desde esta quinta feira (Foto: Brigada de Marroxo).
As chamas tamén se propagaron pola zona de Ameixeira e o barrio de Bouzas, "que foi onde houbo máis problemas" durante a noite.

O incendio declarado a última hora da tarde desta quinta feira no municipio de Crecente (comarca da Paradanta) segue activo, segundo informaron fontes de Medio Rural, que cifraron nunhas 100 hectáreas a superficie afectada polo fogo.

O alcalde do municipio, Julio César García-Luengo, explicou que o incendio se orixinou pouco antes das 20 horas, "con tres focos", entre as parroquias de Filgueira e Rebordechán, nunha área de difícil acceso.

Desde aí estendeuse á zona de Tixosa, onde chegou a achegarse a dúas vivendas, pero "grazas aos medios aéreos" puido frearse o perigo.

As chamas tamén se propagaron pola zona de Ameixeira e o barrio de Bouzas, "que foi onde houbo máis problemas" durante a noite.

De feito, efectivos de Garda Civil estiveron mobilizados por se fose necesaria a evacuación deste núcleo, aínda que finalmente non houbo que desaloxar nin veciños nin animais (no barrio de Tixosa hai unha granxa de cabras).

Intencionado?

O rexedor de Crecente valorou que “as devasas e o bo mantemento das pistas municipais” evitaron males maiores, e sinalou que, na mañá desta sexta feira, "a situación xa está controlada". Así mesmo, do mesmo modo que Medio Rural, apuntou a “intencionalidade do incendio”.

Fontes de Medio Rural explicaron que os efectivos seguen na zona para estabilizar o fogo. Desde que se activou a alarma por este incendio, mobilizáronse cinco helicópteros, dous avións, dous técnicos, unha unidade técnica de apoio, 16 axentes, 50 brigadas, 32 motobombas e 2 pas 'bulldozer'.