Denuncian falta de medios en Castrelo de Miño: "Se o hidroavión chegase antes non se descontrolaría o incendio"

Incendio declarado esta cuarta feira no municipio. (Foto: Concello de Castrelo de Miño)
Máis dun cento de hectáreas arderon xa no fogo declarado esta cuarta feira e que aínda segue activo.

As autoridades desactivaron na madrugada desta quinta feira a 'situación 2' de alerta por proximidade a vivendas do núcleo de Pereiro, no incendio forestal declarado na tarde da cuarta en Castrelo de Miño, que xa ascende a 147 hectáreas queimadas.

Segundo o último parte da Consellaría do Medio Rural, con datos até as 8.30 desta quinta feira, este fogo segue activo na parroquia de Barral, se ben nestes momentos "non hai perigo para os núcleos de poboación".

Falta de medios

Nas tarefas de extinción traballaron até o momento, entre outros medios, 41 brigadas, 26 motobombas, seis avións, catro pas, 11 helicópteros e 21 técnicos.

Porén, veciños de Castrelo sinalan a Nós Diario que os medios de extinción tardaron en chegar debido, en boa parte, a que o Concello decidiu non solicitar as brigadas municipais, contratadas polo anterior Goberno do BNG, ao consideralas "prescindíbeis" por non teren "traballo abondo".

A motobomba da que dispón o municipio, explica, "chegou tarde porque estaba a ser arranxada no taller, en plena tempada de alto risco de incendios".

As mesmas fontes afirman que o fogo se descontrolou pola extensión do piñeiral e máis os refachos de vento, que avivaron as chamas. "O hidroavión chegou tarde. Se tivese estado desde o principio, estando tan perto dun encoro, a extinción tería sido moito máis rápida e sinxela", precisan.