[VÍDEOS] Ascenden a 450 as hectáreas calcinadas polo lume que afecta Vilagarcía

Bombeiros intentan extinguir o lume declarado en Caldas de Reis. (Foto: Europa Press)
Foi decretada a situación 2 de alerta pola proximidade das chamas ao núcleo habitado da Porteliña, onde a veciñanza foi evacuada por precaución.

*Información actualizada ás 15.28 horas

O incendio forestal declarado na tarde desta quinta feira —contra as 19.25 horas— na parroquia de Saiar, en Caldas de Reis, estendeuse durante a noite cara a Vilagarcía e até o momento actual calcinou perto de 450 hectáreas de terreo.

A Consellaría do Medio Rural declarou a situación 2 de alerta por proximidade ás vivendas do núcleo da Porteliña, onde a veciñanza tivo que ser evacuada por precaución.

Porén, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, confirmou que veciñas e veciños dunhas trinta vivendas, correspondentes ás zonas de Aldea de Arriba, O Vento e Castro de Agudín, puideron regresar aos seus fogares

Pasadas as 23 horas, e por mor da voracidade dunhas chamas que avanzaban sen control, a Xunta da Galiza solicitou a intervención da UME (Unidade Militar de Emerxencias), que actuou na contorna da estrada PO-305.

600 hectáreas queimadas en Verín

Tamén continúa activo o fogo de Verín, que até o momento arrasou unha superficie dunhas 600 hectáreas e, segundo as primeiras investigacións, todo apunta a que foi intencionado, ao orixinarse en até doce focos diferentes.

Neste senso, fontes da Garda Civil consultadas por Nós Diario indicaron que unha das teorías que está a cobrar forza é que se tivesen lanzado artefactos incendiarios desde un dron.

Por outra parte, en Arbo deuse por controlado o incendio da parroquia de Barcela, cun balance de 82 hectáreas queimadas, segundo as primeiras estimacións. Este fogo entrou no país procedente de Portugal e, do mesmo modo que o de Verín, evoluciona "favorabelmente" cara á súa estabilización.

No mesmo municipio continúa estabilizado o lume de Mourentán, que desde a pasada semana calcinou arredor de 400 hectáreas, e controlado quedou o de Padróns, en Ponteareas, que afectou unha vintena de hectáreas.

Tamén baixo control está, desde a noite desta quinta feira, o incendio de Castro de Escuadro (Maceda), cun balance dunhas 150 hectáreas arrasadas, as mesmas que o fogo que axexou O Pereiro, no concello da Mezquita, estabilizado nestes momentos.

Mentres tanto, avanza o incendio activo desde a tarde desta quinta feira no concello de Boiro, concretamente na parroquia de Cures, que queimou xa unhas 350 hectáreas.

Por último, contra as 12.53 horas da sexta feira foi extinguido o de Lobás, en Calvos de Randín, que levou por diante 50,3 hectáreas de superficie.

En total, os incendios iniciados durante esta semana en Galicia levan arrasadas máis de 2.000 hectáreas de superficie.