Un incendiodevora o almacén de pensos da cooperativa agraria Clun en Mazaricos

(Foto: GES Muros)
Clun naceu da fusión de Feiraco, Irmandiños e Melisanto. 

Unha fábrica de pensos da cooperativa Clun no Concello de Mazaricos (comarca de Xallas) sufriu un incendio esta pasada noite, aínda que ninguén resultou ferido ao iniciarse o incendio fóra do horario laboral. Clun naceu da fusión de Feiraco, Irmandiños e Melisanto. 

Desde as 23:00 horas, cando o 112 Galiza recibiu os primeiros avisos sobre este incendio, até as 4 horas, os equipos de emerxencias estiveron a traballar para apagar o lume, que calcinou un terzo da nave da Picota, destinada ao almacenamento de pensos, maquinaria, palés, e mesmo cal vivo.

Para facer fronte a esta situación, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galiza solicitaron a intervención dos Bombeiros de Santa Comba, así como dos membros do GES de Muros e da central de incendios forestais da zona, e voluntarios de Protección Civil da localidade.

Tamén foron informados os Bombeiros de Carballo e pre alertados os técnicos do Grupo de Apoio Loxística da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), que prepararon unha cisterna de gran caudal para utilizar en caso necesario.

Igualmente, quedaron avisados os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que ninguén necesitou asistencia médica.

Arde un salón de baile en Ourol

Por outra parte, un antigo salón de baile ardeu tamén esta terza feira no municipio de Ourol, comarca da Mariña. Tampouco houbo que lamentar danos persoais, mais si materiais, pois só quedou en pé a estrutura externa da casa.

A posta en marcha deste operativo foi posible grazas á chamada dun alertador ás 00:30 horas desta madrugada, que avisou dun incendio nunha casa deshabitada no lugar de Chao de Bravos, en Ourol.