A Cooperativa CLUN presenta unha facturación de 175 millóns de euros

A asemblea de socias e socios presenta en Melide as contas e amosa a súa fortaleza meses antes de celebrar o seu 5º aniversario.
Asemblea xeral de Clun (Clun)
photo_camera Un momento da asemblea xeral de Clun. ( Foto: Clun)

A cooperativa CLUN realizou esta sexta feira en Melide a súa asemblea xeral anual, co lema 'A Galiza máis cooperativa', para informar das contas referentes aos exercicios de 2019 e 2020 ademais de presentar as previsións para a presente xestión do exercicio de 2021.

O presidente da cooperativa, José Ángel Blanco, defendeu que, malia o contexto de pandemia, continuou a súa actividade "a pleno rendemento”.

A piques de cumprir en decembro os primeiros cinco anos de vida, CLUN reivindicouse como "a principal cooperativa láctea da Comunidade con capital 100% galego".

Unha facturación de 175 millóns de euros

CLUN ten máis de 3.000 asociadas e asociados e conta con catro sedes, en Ames, Caldas de Reis, Melide e A Mariña, que proporcionan emprego directo a máis de 400 persoas. Está presente en máis de 80 concellos, dos que recolle 160 millóns de litros de leite ao ano e nos que abastece de 220.000 toneladas anuais de alimentos para gañado.

A súa facturación anual é de 175 millóns de euros, e os seus produtos lácteos son comercializados baixo as marcas Feiraco, leite Premium Únicla e iogures e sobremesas lácteos Clesa. 

Prezos do leite

Durante a asemblea, segundo informan nun comunicado, púxose en valor o papel central dos socios na cooperativa, e informouse das medidas adoptadas especificamente para contribuír a garantir a rendibilidade das explotacións gandeiras nestes últimos tempos nos que os custos de produción aumentaron, como a rebaixa no prezo do penso.

"Este ano 2021, CLUN paga o leite aos seus socios mellor que ningún outro ano da súa historia", asegurou Juan Gallástegui, secretario xeral da Cooperativa.

Comentarios