O incendio de Arbo continúa activo despois dunha semana

Brigadistas realizan labores de extinción no incendio que esta fin de semana azouta Arbo (Foto: BrifLaza)

Arbo continúa ardendo unha semana despois de declararse o primeiro dos lumes. Mentres a Consellería do Medio Rural deu por controlado o incendio en Caldas de Reis e desactivou a alerta 2 nos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra, as chaman continúa devorando hectáreas na Paradanta.

 

A Xunta da Galiza considera controlados desde a sexta feira os incendios en diversas parroquias de Arbo porén recoñece que os lumes continúan activos.

Arbo

A Consellaría de Medio Rural sinal que que na parroquia arbense de Mourentán levan ardidas máis de 400 hectáreas, procedéndose ao control do sinistro na sexta feira. Outro tanto acontece no núcleo do mesmo concello de Barcela, cuxo incendio entrou en Portugal após queimar 82 hectáreas.

Jesús Estévez, presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Cabeiras (Arbo), sinalaba a cuarta feira a Nós Diario que “ou se empeza a xestionar o monte doutro modo, ou haberá fogos ano tras ano”.

“O monte está abandonado e así pouco importa que se faga un gasto enorme en medios para a extinción e para que o impacto sexa o menor posíbel. Pode ser que haxa pirómanos, mais os danos non serían tan graves se houbese un control e a Administración dedicase máis diñeiro á prevención do que a intentar apagar incendios activos”, afirmaba Estévez. 

Caldas de Reis

O incendio declarado na parroquia de Saiar, no municipio de Caldas de Reis, e que afecta tamén a Vilagarcía de Arousa atópase controlado. Segundo informan desde a Xunta da Galiza, os fogos arrasaron arredor de 450 hectáreas e achegouse perigosamente ao hospital do Salnés.

As autoridades galegas desactivaron domingo a alerta por proximidade ás casas no incendio declarado o venres na parroquia de Xuntáns, no municipio pontevedrés de Ponte Caldelas, que polo momento calcinou unhas 380 hectáreas

A 'situación 2' de alerta decretouse pola proximidade do lume ao núcleo da Canicouva, no concello veciño de Pontevedra, pero, segundo indicou a Consellería do Medio Rural, "o risco xa remitiu".

Verín

O Goberno galego deu, tamén, por estabilizado nas últimas horas o incendio de Verín, que segundo as últimas estimacións calcinaron máis de 600 hectáreas e continúa con diversos focos activos.